viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Fuxan os Ventos, memoria indelébel

Leve ou non o nome deste grupo musical o novo auditorio de Lugo; recórdeno ou esquézano os que han vir, Fuxan os Ventos é xa patrimonio cultural de todos os galegos e galegas. Por iso vivirá na memoria que non se borra, esa que é pouso e devén humus, terra fecunda para novas xerminacións.

Foi creación de don Xesús Mato, o crego que sempre viu máis aló, axudado polos prismáticos da súa fe, solidariedade e optimismo. Expansivo coma o estalo dun potente foguete de luz e cores, sempre repartiu esperanza e ledicia desde os diferentes ámbitos da súa actividade. Era o ano 1972 e o tema da súa autoría, que había dar nome ao grupo, acadou o primeiro premio no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo. Foi o comezo dunha longa serie de premios e actuacións memorábeis. A formación, nacida no Colexio Menor do Santísimo Sacramento, de Lugo, presentáranse baixo o nome Folk 72.

Cómpre recordar que no espazo da diocese ocupado polo antedito colexio e a Casa de Exercicios, tamén emitía os seus programas Radio Popular. Nun deles, a Misa dominical, cantaba este grupo e nel se revelaron grandes voces. De calquera maneira, á marxe dalgunha escisión, ninguén marchou para emprender unha aventura en solitario, como aconteceu con Luar na Lubre ou Madredeus en Portugal.

No ano 1989 fixeron a súa última actuación en directo en Segovia. Última, mais non derradeira porque, en ocasións, volveron xuntar as súas voces por mor de responder a demandas moi significativas, relacionadas con feitos da historia recente. Tampouco deixaron de editar discos, aínda que con longos períodos de silencio por medio.

No 2022 cumprirán o medio século, cincuenta anos a escoitarmos as súas cancións, cantarmos con eles nas xuntanzas e botarmos en falta temas que nos impliquen como as dos seus discos: Fuxan os Ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ao Neno (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O mellor (1987), Sempre e mais despois (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).

Por que sería xusto e oportuno bautizar o auditorio con tal nome? Porque levaron Galiza á propia Galiza, a dignificar a nosa tradición e a proxectala ao futuro e ao mundo de fóra. Cataluña, Euskadi, Andalucía, Castela, Lisboa, Bruxelas, París, Brest ou o festival intercéltico de Lorient, escoitaron a nosa lingua na súa voz. Porque o mesmo chegaron á xente leiga que á experta en música. Porque confortaron os emigrantes no seu exilio. Porque neles honramos asemade moitas persoas, mulleres e homes, ecos de voces de outrora, presente e futuro: vida.

Fuxan os Ventos, memoria indelébel
Comentarios