viernes. 18.06.2021 |
El tiempo
viernes. 18.06.2021
El tiempo

Falar de ti coas túas palabras

É como se este ano o teu aniversario fose en maio e non o 4 de marzo, data do teu nacemento, ou o 2 de novembro, día da túa partida hai xa dezaoito anos. Sinto a necesidade de te recordar alén dos poemas, na túa realidade física e mortal. Procúrote na memoria e pérdome en lembranzas difusas, nos puntuais flashes duns ollos fermosos e intelixentes.

Adoitamos falar de nós para falar dos demais. Porén, hai xeitos e xeitos de facelo. Un deles pode ser a apropiación indebida do brillo da persoa a quen lembramos, alumar co seu foco a nosa escena. Outro, ben diferente, é expresar o que a súa luz nos iluminou e permitiu ver ou, sequera, intuír.

Recordo que te coñecín nunha reunión de Xerais, sendo o tamén finado Luís Mariño director da editorial. Parecíchesme moi seria dentro da túa indumentaria roqueira. Non sabía nada de ti, nin sequera dos teus pais, Valentín e Amparo, tan agarimosos amigos despois. Sorprendíchesme máis tarde cunha lúcida conferencia sobre a poesía, no Círculo das Artes de Lugo. Daquela xa te coñecía e valoraba como poeta rompedora, orixinal e libre.

Non sei cantas veces máis coincidimos, nin coido que o saiba nunca. Este ano chegáronme preguntas e testemuños de recitais en que participamos ambas, mais só algunha fotografía me refrescou a memoria.

A nova da túa morte caeunos coma unha bomba entre as bombas. En Gernika, onde galegos, vascos, e cataláns, celebrabamos un congreso de escritoras e escritores. Alí, no Museo da Paz. Proxectábannos un vídeo do tráxico episodio do 26 de abril de 1937, cando Franco e a aviación alemá cometeron un dos máis horrendos crimes da guerra. Unha copia do cadro de Picasso, verdadeira alegoría da barbarie, chamaba a non esquecer.

Non esquecer é lerte. Ao principio era a palabra e ao final é a palabra. Nela vives xa por sempre, Xela. Para dárnola tiraches as vestiduras a te intemperiar e renegar do equilibrio. Soubeches a vulnerabilidade de quen se ofrece á chuvia, á sarabia, ao vento e ao sol, desprotexida. De quen constata, con dor e pavor mesmo, que a vida ía en serio. Tan en serio como un amor en enchente: Darío, o fillo, a medrar a diario. Tamén agora, hoxe mesmo, ao abeiro do teu caudal de valores, da túa herdanza de beleza, á fin as únicas cousas coas que nos rescatan da morte.

Ben quixera falar de ti coas túas palabras. Dicir, sen máis, por exemplo, aqueles versos de Tigres coma cabalos, tan cheos de forza e determinación: "Nega o medo./ Dá a túa risa./Arrima os días/e na punta alta do odio coloca/xunta min o necesario desespero".

Bendito desespero que, como o da protagonista da cantiga de Mendinho, deveu palabra.

Falar de ti coas túas palabras
Comentarios