Opinión

Ética e luces no debate electoral

Imaxinen un médico que, alén de todo criterio científico, lle dixese a cada paciente o que a este lle gostase escoitar: «Fume, que ha morrer igual cando lle chegue o tempo». «Coma o que lle pete, non se prive de nada, que non hai mellor espello que a carne baixo o pelello». «Se non lle gorentan, non consuma froitas, legumes nin verduras. Destas, por algo Enrique VIII de Inglaterra dicía que eran comida de gañáns». E moitas máis cousas do mesmo teor.

As respostas ao porqué deste xeito de proceder, poderían ser varias; mais ningunha deixaría en bo lugar o doutor. Ignorancia? Imposíbel a pouco que tivese estudado na carreira e se mantivese ao día nas máis elementais recomendacións sanitarias. Falta de ética, ora por caer simpático, ora por manter unha clientela precisada de xustificación para as propias condutas nocivas. En todo caso, a banalidade do mal, adoptando e adaptando o termo de Hannah Arendt con relación ás obras de certos individuos que semellan actuar dentro das regras do sistema, sen reflexionaren nas repercusións dos seus actos.

Así algúns políticos e políticas de grande éxito electoral e nula ética -mesmo que non o sintan así- na súa praxe diaria. Grandes coñecedores do público ao que se dirixen na demanda de voto, non ousan tiralo da súa zona de confort. Por iso a peonalización e o impulso verde das cidades non figura nos seus programas. Tampouco o combate pola igualdade real ou a defensa da lingua. Porén, esa zona de confort chámase morte (30.000 falecementos ao ano pola contaminación no Estado, se non confundo os datos). Chámase cambio climático. Chámase violencia contra as mulleres, xenofobia e lingua en retroceso. Miseria, en definitiva. 

Na alienación á que nos somete o consumismo, a tiranía do inmediato, a insolidariedade preponderante, non agardemos a que sexan maioritariamente as cidadás e os cidadáns quen reclamen as medidas que nos poidan salvar da noso auto aniquilamento. Concienciar, educar, propoñer, executar proxectos para a vida, é labor da política rexida pola ética e mais pola intelixencia. Por suposto que ninguén pide que todos e todas sexan especialistas nestes asuntos. Abonda con que non se poñan de costas ás evidencias e escoiten aos homes e mulleres de ciencia, que se alumen coas luces dos que as teñen.

Cómpre acreditar nos programas que, en rigor, terían de ser entendidos como contratos cos votantes. A verborrea de campaña non debería levar a ningures. 

Gañar ou perder... E despois, que? Este non é un partido de fútbol. A nosa é outra liga, a do futuro como seres vivos e como receptores e facedores de historia. Vai por nós.
 

Comentarios