lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

Eternamente infantes

A pandemia deixounos ‘encerrados con un solo juguete’, dito co título da primeira novela (1960) do recentemente finado Juan Marsè. O xoguete ao que se refire a tal novela do catalán ten a ver coa iniciación duns rapaces de clase media, desencantados co panorama daqueles anos grises. Descubrir cal foi o enredo de cadaquén nos días de confinamento sería moi rendíbel nun estudo antropolóxico da poboación actual.

Non é aventurado asegurar que o primeiro e principal xoguete foi e segue a ser a televisión. Alén dela, emerxeron perdidas ou inexploradas prácticas de subsistencia, tales como facer pan na casa ou recuperar a repostaría das avoas. Xunto coa obsesión por acumular papel hixiénico, medrou un apetito exacerbado, imaxinario ou real, con reminiscencias da posguerra. Houbo, asemade, unha ollada ao interior das vivendas que redundou, en moitos casos, en melloras do mantemento, decoración e orde.

Mentres, mozos e mozas responsábeis, suplían con horas de traballo a ausencia de aulas directas, a atender as directrices, de desigual empeño, recibidas do profesorado. Sería interesante explicar os labores de ‘filtiré’ a que se viron obrigados mestres e mestras de primaria. E non digamos xa os das nais e pais, alleos ao ensino. Haberíaos tamén —mozos e mozas— que, lonxe de aproveitar o tempo, soñarían co botellón e outros ‘xoguetes para un tempo prohibido’ (1976), dito agora cun título do escritor galego Carlos Casares.

E estaban tamén as persoas que se erguían do leito sen saber se terían que levar á boca, as que sentían sobre a cabeza a espada de Damocles do desemprego, as que fuxían de pandemias peores que a do coronavirus …

Aínda que sen o imperativo legal de permanecermos en confinamento, todo continúa aí e todo continúa igual. O anterior é para preguntarme se nalgún momento demos o salto do concreto ao abstracto.

Segundo Piaget, o pensamento abstracto aparece cando somos quen de pensar e manexar ideas sen necesidade de manipular obxectos concretos. Adoita acontecer a partir dos 11 anos. Porén, moitas vidas transcorren a rentes de chan, nunha infancia permanente, incapaces de dar o brinco a outra dimensión. A dimensión da sorpresa, do descubrimento, da admiración, da empatía, da beleza, da verdade, do amor.

Este quebracabezas da existencia ten que ter un sentido. Gústame como o di Pedro Casaldáliga, catalán, bispo emérito no Brasil. Correu o bulo de que finara. Ten 92 anos e está doente. Nun dos seus poemas escribiu: «Al final del camino me dirán: —¿Has vivido? ¿Has amado? Y yo, sin decir nada, abriré el corazón lleno de nombres». Se cadra, madurar, vivir, é iso: encher o corazón de nomes.

Eternamente infantes
Comentarios