Opinión

A estupidez humana, axioma ou teorema?

Comezo recordando, por se alguén o esqueceu, que un axioma é algo que non precisa demostración; pola contra, un teorema ten que ser demostrado. Axiomático sería o evidente, xa que logo, así que semella certo que nada é máis difícil de demostrar que o que é evidente. Malia todo, dispóñome a facelo a partir dun enunciado que lle apoñen a  Einstein e que, seguramente, nunca pronunciou.

Afirmaría o pai da teoría da relatividade que só dúas cousas non teñen límites, o Universo e a estupidez humana; porén, do Universo non estaba seguro. Como queira que Einstein non elaborou ningunha demostración que rematase nunha fórmula semellante á tan coñecida da relatividade (E=m.c2), está claro que para el a estulticia da nosa especie non ten fin. Certo que a conduta humana non pertence ao ámbito da física nin ao das matemáticas, competencias do Nobel. Certo, tamén, repito,  que seguramente nunca tal cousa declarou. En todo caso, a pregunta do título, como xa se decatarían, é retórica.

Si, trátase dun axioma; mais, como a nosa sandez non ten límites, persistimos ao longo da historia en demostralo, aínda que sexa só con feitos, empiricamente, lonxe do raciocinio que exixe unha tese científica. Doutra banda, se en moitos casos a ciencia representa a razón e nós nos empeñamos en obrar de costas a ela, non merecemos outro cualificativo que non estea na listaxe dos sinónimos da asneira, por certo moitos, o que si demostra a necesidade frecuente de nomeala.

Que o mundo, coma o tempo, anda revolto é ben verdade. Non sei se máis que nunca ou tanto coma sempre. Do que non teño dúbidas é de que, fronte ao poder e ao diñeiro, os verdadeiros amos do mundo ao longo dos séculos, réndense os principios e os avisos, nalgúns terreos dramáticos, que nos envía a ciencia e, tamén hai que dicilo, a ética máis elemental.

Nós, na pretensión de vadear o río da estupidez en que estamos a afogar, quizais nos debéramos poñer estes días algunhas tarefas para sabermos  dalgunhas cousas e non repetirmos coma papagaios o que outros pensaron por nós. Vexan:

Cambio climático e Altri. Podemos seguir por aí? Ten razón quen propón ‘decrecemento’ e necesario regreso a unha economía máis acorde co coidado da terra?

¿É unha decisión para celebrar a fin  da chamada golden visa, ese privilexio que lles permitía aos ricos estranxeiros conseguir a residencia aquí, ao mercaren unha mansión ao alcance de poucos, mentres se lles negaba o pan e o sal a traballadores vidos de fóra, imprescindíbeis para atallar os problemas ocasionados polo envellecemento da nosa poboación?  

Cantas cousas fillas da estupidez! Falamos? 

Comentarios