Opinión

Esterco do demo

OS CARTOS -dicía un velliño iletrado falecido hai máis de cincuenta anos- sonche o esterco do demo". Polo que eu sei, o home nunca ouvira falar de Giovanni Papini (1881-1956), o escritor italiano convertido ao catolicismo despois de ser un ateo convencido. Deixando á parte a dedicatoria da súa Historia da literatura italiana a Benito Mussolini, quen sabe por que razóns, estamos diante dun pensador prolífico en obra e, como dixera del Borges, "sonoro e enfático na polémica". Débeselle esta afirmación: "Quen toca o diñeiro con voluptuosidade, toca, sen sabelo, o esterco do demo".

Unha das derradeiras obras do pensador, O Demo, suscitou moitas controversias porque defendía que Deus, na súa inmensa misericordia, aboliría o inferno e salvaría a todos. Iso era, seica, incompatíbel coa doutrina da Igrexa Católica. Antes, o xesuíta e paleontólogo Teilhard de Chardin (1881-1955), non querendo negar o dogma, declaraba a súa firme convicción de que alí non había ninguén. Crítico con moitas cousas da Igrexa, confesaba o dilema de querer morrer no seu seo e, asemade, non vivir en paz dentro dela.

Aínda hai quen segue a defender a chamada fe do carboeiro, aquela que consiste en non se cuestionar nada, a crer cos ollos cerrados. Lembremos como Frei Luís de León padeceu cadea por traducir a Biblia directamente do hebreo, concretamente polo Cantar dos Cantares de Salomón, sen pasar polo filtro da versión latina, A Vulgata, que impuxera o concilio de Trento.

Vén todo o anterior para recordar como, aínda desde dentro, sempre existiu disidencia e, como no caso do dominico autor da Oda a la vida retirada, as razóns para denunciáreno tiñan máis a ver coa envexa académica que coa salvagarda da norma.

Certos bispos norteamericanos que se queixan de que Francisco, o Papa, non é un teólogo e que carece da formación necesaria, están movidos, sen dúbida, por intereses espurios. Detrás das súas protestas está o gran Capital ao que molestan as chamadas de Bergoglio á xustiza, á paz e á misericordia. A última denuncia motívase na súa oposición á pena de morte.

Di un destes monseñores que a doutrina dos Santos Padres lexitima a pena capital. Máis unha vez, a se cubrir coa capa dunha tradición que, cando menos, demostra en moitos casos que o Evanxeo ou non o entenderon, ou non o quixeron entender. É evidente que Francisco o prefire a toda unha tradición paralela de crueldade, dureza e achegamento ao poder. E digo paralela porque, malia todo, sempre houbo dentro dela os que apostaban polo amor e a misericordia.

Mesmo hai quen fala de cisma. Cisma? Xa existe: o dos que miran para o próximo e o dos que miran para o seu anel.

Comentarios