Opinión

Ese señor de nome tan terríbel

O seu nome era Aloysius, mais é o seu apelido o que nomea unha das doenzas máis temidas e temíbeis do noso tempo, o Alzheimer.

Tal día coma hoxe, no ano 1906, este psiquiatra e neurólogo alemán presentou as súas conclusións sobre o estudo do primeiro caso que lle tocara atender desta doenza, o de Auguste Deter, unha muller de 51 anos a quen o seu home levara á súa consulta en 1901 a causa da grande deterioración mental que experimentara nun ano.

É de supoñer que, dada a idade de Auguste e a gravidade dos síntomas, por máis que daquela non a considerasen nova, non suxerían que se tratase da que hoxe chamamos demencia senil. Seguramente foi iso o que espertou a sospeita que levou ao alemán a investigar. Hoxe, por desgraza, é sobradamente coñecido o diagnóstico, mais non o remedio.

É imposíbel non sentir conmiseración polas persoas afectadas por este mal e, máis aínda, polas súas familias.

Porén, hai quen non só non se compadece, senón que intenta tirar proveito da situación.

Coñecín verdadeiros anxos, moitos vidos de alén mar, coidando xente de idade, a miúdo difícil de aturar por tanta confusión mental. Mais tamén auténticos diaños, bastantes nados aquí, a se comportar como aves preeiras, agardando polo cadáver para se facer coas súas pertenzas ou maltratando a quen nin pode contalo.

Mesmo tiven coñecemento dunha coidadora de fin de semana que lle recomendaba á que pasaba os demais días coa doente acudir a unha especie de bruxo para que lle dese unha beberaxe que, administrada á única familiar que vivía con ela, a deixaría sen vontade e actuaría ao seu mandado deixándolle todo. Así conseguira ela mesma -aseguraba- bastantes posesións. Deu en óso porque, por fortuna, aínda queda moita xente honrada.

Vén todo o anterior a tergo de expresar o desamparo en que se poden ver as familias, inclusive as que posúen medios, por teren que depender de axuda externa. Ademais os medios, por moitos que sexan, fóra de excepcións, nunca son tantos como se precisan.

Daquela, trátase dun problema social, non exclusivo de quen o padece. Cómpre unha lexislación específica, tanto para dedicar esforzos á investigación como para atender as vítimas. E, no que atinxe aos calotes perpetrados sobre elas, a man da xustiza tería que caer con dobre forza.

Circula por aí unha ilustrativa anécdota que pode servir de guía a quen trate con estes enfermos: Un home visita todos os días á muller no xeriátrico, dálle o almorzo e cóntalle cousas. Cando lle preguntan por que o fai, se ela nin sequera sabe quen é o que lle fala, el responde: "Pero eu si sei quen é ela".

Ela ou el podemos ser calquera de nós, non o esquezamos.

Comentarios