Opinión

Envío urxente aos Reis Magos

GLORIOSAS MAXESTADES: Non sei se sodes reis nin magos, malia reparar nas vosas persoas San Mateo no seu relato evanxélico. El, por certo, nunca se refire a vós coma monarcas. Porén, o puro simbolismo do episodio, en aras de explicar a universalidade da mensaxe, pouco ou nada lle resta á ilusión que representades cada 6 de xaneiro.

Ben sei que a dúbida sobre a vosa existencia histórica pode escandalizar a algunhas xentes bempensantes, como as escandalizou a afirmación do Papa Francisco no sentido de que no portal de Belén non había boi nin mula. Desde logo que en ningún texto bíblico aparecen. Tampouco serían elementos estraños se se trataba dun cortello e talvez por iso os fabricou a imaxinación popular. En todo caso, o Papa é o Papa e quen isto escribe unha ninguén. Tomade, xa que logo, Maxestades, as miñas palabras como de quen veñen. Aínda así, anotade nas vosas reais axendas (reais de realidade) as cousas que vos pido.

Lembrades ‘El camello cojito’ de Gloria Fuertes, a poeta de cuxo nacemento se cumpren 100 anos neste 2017? É un brevísimo Auto de Reis, en verso, que conta a peripecia da vosa viaxe ao se pinchar o camelo nun cardo do camiño. Agardo que desta volta non tiverades que cargar vós coas ofrendas para o Neno debido á lesión do animal de peluxe, como no poema. E agardo tamén que comprenderades o que vos quixo dicir a poeta por boca do naipelo ao rexeitar o ouro, incenso e mirra e pedir, en troques, o camelo coxo e esfiañado.

Despois de tan longo preámbulo, vou directa ao grao, é dicir, á listaxe dos meus desexos e, para que os podades cumprir, o primeiro é que existades. Que sigades a existir como soño produtivo, como esperanza de que este mundo pode ser outra cousa, como forza para os brazos dos que reman nesa dirección.

Traede, sen escusas, as alforxas ateigadas de paz e xustiza. Freade o cambio climático pola convicción de todos e todas de que só é posíbel desde a ecoloxía, desde o equilibrio entre a economía e o coidado da terra. Rematade cos feminicidios e a desigualdade de dereitos entre homes e mulleres. Para iso, que se entenda ben que o feminismo non é a outra cara da moeda do machismo. Este rouba dereitos, aquel reivindícaos sen lesionar os de ninguén. Buscádelles aos seres humanos, no marco da solidariedade internacional e a actuación axeitada dos gobernos, a posibilidade de non teren que emigrar para sobrevivir. Non lles fagades entender antes de tempo ás criaturas que acreditan en vós que os soños tamén teñen prezo.

Ben sei que segue a haber cardos no camiño e os vosos camelos poden pinchar(se), mais os soños e o amor que os impulsa, nunca.

Comentarios