Opinión

De Ence a Altri: queimando paraísos (e II)

Foi en tempos de ditadura, xa que logo, cando se instalou Ence en Lourizán. Non había moita marxe de rebeldía contra aquel proxecto cuxo impacto económico non é doado de avaliar. En todo caso, é seguro que se trata dunha resta cun subtraendo maior que o minuendo, é dicir, con resultado negativo. Pola contra, o dano medioambiental sumou e segue a sumar. 

A de Altri é outra época e, se é verdade que estamos nunha democracia, haberá que recordar a canción con que Portugal inaugurou a súa tras unha ditadura máis longa aínda que a de aquí. Refírome a ‘Grândola, vila morena’ e, nomeadamente, a aquelas palabras que non debemos esquecer nunca: ‘O povo é quem mais ordena’. 

Todos os movementos populares teñen as súas cancións e a nós tampouco nos faltaron en momentos semellantes aos que estamos a vivir. Lembrarán algunhas persoas aquela memorábel ‘Cantiga das Encrobas’, con letra de Manuel María, á que lle puxo música e editou Fuxan os Ventos no seu álbum ‘O tequeletéquele’. Vexan estas estrofas de perfecta actualidade: ‘Nas nosas terras galegas/fértiles e feiticeiras,/queren erguer celulosas/que cheiran como esterqueiras.//Queren encher a Galicia/de industrias contaminantes/e que o noso pobo siga/a producir emigrantes’. 

Sobran informes obxectivos, porque non veñen de parte dos que queren tirar proveito a custa do futuro da terra, senón de quen loita por el, que demostran as falacias con que se nos promete a inocuidade do proxecto  Altri e as súas vantaxes económicas. Malia todo, hai quen acredita nos emisarios do capital depredador e, como o Esaú bíblico, cambia a herdanza por un prato de lentellas.

No álbum ‘Nós’ de Castelao, a estampa número 43 presenta un home sentado no chan, encrequenado baixo un salgueiro chorón sen follas. A lenda reza: ‘Chora porque o cacique deixouno a pedir. Se fose un irmán labrego teríalle fendido o corazón’. Vénme á memoria ao pensar nun ulloán de pro que seica apadriña e loita a favor da pasteira. Non nos fende o corazón porque o tal persoeiro xa non é parte de noso. Cacique? Si, por máis que ao seu oficio lle cambiasen o nome. Tamén poderiamos falar de portas xiratorias e outras lindezas ben afastadas do proveito da xente, do pobo, o que máis importa.

As terras son dos labregos e labregas. Hai quen as vende de gana por unha ou outra razón. Porén, recorden: vostedes e quen as merque non teñen a propiedade do ar, a auga, a flora, a fauna, a paisaxe, a historia, a cultura ..., a vida, en definitiva. 

É poderoso o Capital; mais non nos vencerá se nos soñamos pobo en, por e para as xeracións futuras.

Comentarios