Opinión

A educación é unha cadea

TENDO EN CONTA a polisemia da palabra cadea (nove acepcións), aclaro que me refiro ao obxecto constituído por aros –elos– enlazados entre si; mais en sentido figurado, é dicir, conxunto de cousas que están ou suceden unha despois de outra.

Porén, xulgando polos feitos, semella que moitas persoas –ou medio persoas?– consideran que a educación é un cárcere (un significado máis da palabra) do que hai que fuxir. Non doutro xeito se pode explicar tanta descortesía gratuíta. Médrame a sospeita de que hai quen pensa que a liberdade é ignorar que non estamos sos ou soas no mundo. Comportámonos como as mónadas das que falaba o filósofo Leibniz: non interactivas, individuais, suxeitas ás súas propias leis e reflexo cada unha delas de todo o universo. E que me perdoen os conspicuos lectores por me servir dunha teoría metafísica para me referir á xente maleducada.

A educación é unha cadea da que puxeron os elos quen nos foron inculcando as boas maneiras. Non sei en que punto alguén esqueceu poñer o seu. Non xeneralizo. Hai rapaces e rapazas cos que dá gusto tratar. Mais abondan os túzaros. Túzaros, o que é túzaros, hainos de todas as idades e en todas as profesións e niveis económicos.

Vendo as condutas de algúns adultos, non é difícil entender o comportamento dos fillos.

Un home coñezo que, como secuela dun gravísimo accidente, padece unha gran inestabilidade e ten que camiñar apoiándose nas paredes. É tal a súa amabilidade que se esforza en abrirlle a porta á veciñanza. Outro coñezo, pola contra, novo e forte, que, cando alguén está suxeitando a porta para ceder o paso, entra como un meteorito, sen agardar nin saudar nin dar as grazas. Talvez a súa prepotencia actúe como unha néboa mesta e non lle deixe ver alén do seu embigo.

Intúo que moitas e moitos lectores, sobre todo se son mulleres e/ou pasan de certa idade, terán por veces a sensación de seren invisíbeis. Chocan contigo e, mesmo non sendo causante do incidente, pronuncias por hábito un "perdón" que non atopa resposta nin no eco. Talvez quen tería que desculparse pense para si que qué diaño é o que dixo esa señora ou señor que non modificou a tempo a traxectoria.

A educación tamén pode ser unha cadea que se reconstrúe a base de practicala. Quero dicir que, se ofrecemos bo trato, o máis normal é (sería) que nolo devolvan.

Chanakia ou Kautilia, brahmán e escritor indio (350-283 a. de C. ), deixou escrito que a mellor amiga é a educación e que unha persoa educada é respectada en todas partes. Para el a educación superaba a beleza e a xuventude. Antigo, verdade? Como a auga, que aínda ten máis anos e non por iso deixa de ser imprescindíbel.

Comentarios