lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

E se a saudade é un camiño?

Non é preciso remontarse a aquelas primeiras décadas do século XX, cando o sabio veterinario catalán devido lucense, Juan Rof Codina, tivo que argumentar, para que esta seguise en pé, o alto custo que suporía derrubar a muralla. Non hai tantos anos que, en Cartas ao Director do diario El Progreso, alguén a cualificou de cinto de pedra, a impedir a apertura ao mundo e o avance da cidade.

Nada invento se estabelezo un paralelismo entre o valioso monumento romano e a lingua galega. Antes ca min xa o fixo a Mesa pola Normalización Lingüística. Nun cartel cunha imaxe a reflectir unha das súas mellores perspectivas, podíase ler: "Milenaria. Patrimonio da humanidade. Chea de futuro. A lingua galega". Deste xeito, reivindicaba ambas asemade.

Hoxe celebraríase a festa do Santo Eufrasio no meu Val do Mao de nacemento, onde a Terra Brava se chama Incio. A que fora gran romaría foi esmorecendo, como unha árbore queimada polo raio á que algunhas persoas voluntariosas indultan da motoserra coa esperanza de que se produza un milagre, como co olmo de Machado. Son as que camiñan polo vieiro da saudade, xustamente as que non se extravían a seguir as pegadas da desmemoria. Porén, resulta patética a imaxe das festas nas aldeas, coas súas procesións minguadas e as verbenas engulidas polo desazo dos vellos e o desinterese da escasa mocidade.

Este ano non hai. Todo é diferente. Un vento podre varreu todo. Ou case todo. A pregunta que nos facemos é se achaiou o terreo para plantar de novo, sen as herbas que o invadiron, ou se volverán inzar a ambición desmedida e o desprezo pola humanidade que padece os seus efectos.

Falar da lingua, de Carvalho Calero e as Letras Galegas, semella falar da merca de estampiñas en tempo de fame. Secasí, máis ca nunca, cómprenos a saudade, ese padecemento que tanta tinta gastou noutrora. Agora non. Mais o dicionario da Rae segue a definila: «Sentimento profundo no que o suxeito vive unha perda ou experimenta unha aguda nostalxia de algo xa vivido e que considera desexable». Algo xa vivido, velaí. Quen pode desexar o que non coñece? Quen formará parte da cadea sen ser elo?

As Letras Galegas ou son para o coñecemento de nós, ou non son nada. O autor que celebramos segue a impartirnos a súa lección de coherencia e amor ao país e á lingua que o crea e recrea. Non obstante, iso de pensar e sentir en consecuencia, está de rebaixas. Amar manca, ben se sabe, mais é a forza dos heroes. Escoitemos a don Ricardo: «Non aguardas louvanza, que arreo desprezaste. / Compaixón non a esperas, porque nunca a pediste. / Á voz incomprensíbel que fostrega o teu lombo, /resposta co siléncio das tuas cicatrices».

E se a saudade é un camiño?
Comentarios