Opinión

'E pur si muove', dixo Galileo

DEBO COMEZAR ESTE artigo declarándome crente e concretando, porque as crenzas poden ser moitas e variadas, que acredito no Deus de Xesús de Nazaret. Iso non obsta para que me adhira a afirmación do cardeal Newman (Londres, 1801-Birminghan 1890), quen dixo que a fe é a capacidade de soportar dúbidas. Foi un anglicano convertido ao catolicismo, moi admirado por Bieito XVI, cuxa beatificación levantou gran polémica.

A seguir, con todo o respecto e dúbidas, opinarei sobre a nova normativa da Igrexa verbo do destino das cinsas dos defuntos incinerados. Seica non terán funeral católico se estas se espallan no ar, no mar, na terra ou se gardan na casa.

O cardeal alemán Gerhard L. Müller, conservador, explica: "No caso de que o defunto deixase disposto que o incinerasen e esparexesen as súas cinsas na natureza por razóns contrarias á fe cristiá, débenselle negar as exequias". Isto tería toda a lóxica se a persoa finada se declarase non crente; pero o feito de que alegase razóns heterodoxas para a doutrina cristiá, suporía, como moito, un erro e a da Igrexa unha decisión pouco caritativa. Desde logo que nos retrotrae aos tempos en que suicidas e prostitutas non podían ser soterrados en sagrado. Nada se dicía dos clientes destas últimas nin se intentaba comprender o sufrimento que arrastrara aos primeiros a tan fatal decisión. Dábanse sentenzas arrogándose as prerrogativas do Supremo Xuíz, sen dúbida máis misericordioso, segundo o Evanxeo, que os seus representantes.

Non tiven acceso ao texto completo, mais seica un dos argumentos aos que apelan é ao de que existe un certo panteísmo nestas prácticas, porque buscan un renacer na natureza. Un cristián -aseguran- ten que se enterrar en sagrado.

Cando o lin, acudiume á memoria Teilhard de Chardin, o relixioso, filósofo e paleontólogo francés. Este xesuíta, que sempre declarou amar e querer morrer no seo da Igrexa, como así foi, queixábase de non poder vivir en paz dentro dela pola súa continua oposición á ciencia. Del é o pensamento de que quen teña amado apaixonadamente a Deus nas forzas que fan medrar a terra, a terra mesma se converterá, alén de si mesma, no corpo de Aquel que é, que era e que vén. Foi acusado de panteísmo, cousa que fica desbotada nese "alén de si mesma". Non é blasfemo asegurar que o rostro de Deus en ningún lugar se nos mostra máis diáfano que na súa obra, a gran catedral do mundo.

Por iso, para un crente, a Natureza é sacra de seu e non ofende a dignidade dos restos humanos integrarse nela. Esta crenza debera reflectirse na ecoloxía, ese mandamento implícito.

Comentarios