sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

E a roda segue xirando

O ANO PASADO, por estas datas, consideraba que as luces de don Abel de Vigo eran un gran dispendio. Seica estaba errada e non son tal cousa, senón un gran investimento porque, ao atraeren tantos visitantes, as ganancias superan con moito o custo.

De acordo; mais, alén de desbaldir tanta enerxía, pregúntome se nesta, como en todas as obras magnas (adxectivo menos excesivo que as lámpadas en cuestión), se fixo un estudo de impacto medioambiental. Disque, segundo expertos, a contaminación lumínica podería atraer unha praga de insectos ou, cando menos, desorientalos, así como a outros animais de hábitos nocturnos. Descoñezo se isto é aplicábel ao caso vigués pola estación en que acontece e por ser algo puntual, aínda que cada vez acenden antes.

Porén, o que máis me alporiza é a indiferenza de cara á xente que acampa desde hai tempo diante do edificio do concello daquela cidade, os sen teito que piden un albergue no que poder pasaren a noite indefinidamente, sen estaren obrigados a deixalo aos tres días.

Isto, o dos tres días como máximo, non é exclusivo do albergue vigués. Salvo excepcións e casos moi especiais, os desherdados da vida xogan á roda, queiran ou non queiran, desprazándose, tras recibiren un billete de autobús, dunha poboación a outra. Rematado este funesto xogo da oca, volven, os que non quedaron no camiño, á caseta de saída. Chegan máis vellos, máis destruídos, menos esperanzados.

É unha carreira de relevos que semella non ter cabo e que non sei cando comezou. Hai ben máis de vinte anos, estando eu en Xove, pedíronme que acudise a unha reunión a Ferrol con vistas a coñecer o funcionamento destas instalacións para ver de axeitar unha por parte de Cáritas naquela vila. Foi entón cando souben desta roda dos miserentos.

É sabido que moitos non optan polos refuxios deste tipo porque teñen que cumprir un horario ou porque non se queren afastar do can, á fin unha fonte de calor e agarimo. Son os que buscan os tobos máis inimaxinábeis -e perdóeseme a expresión "tobo", que nos remite á vivenda de certos animais. A miña intención é outra: destacar o tipo de agochos que atopan e o trato que lles damos ou permitimos.

As cuestións de pura humanidade terían que ser as prioritarias para os gobernos. Por certo, nunca vin un programa que incluíse este asunto e as medidas concretas para atallalo. Como se poden gastar 800.000 euros nunha luminaria mentres sucede isto?

Ningún ou ningunha gobernante se debera deitar tranquilo se non sabe responder á pregunta que se fai Celso Emilio Ferreiro no poema "O neno": "Onde están esta noite os que non teñen casa?".

E a roda segue xirando
Comentarios