jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

Don Mariano e a flor de toxo

CANDO ME dispoño a escribir o artigo da semana, paso tempo diante do papel (máis exacto, pantalla) a elixir o tema. Desboto moitos e, no que me decido por un, sinto que a metade do traballo está feito.

Desta volta dubido se lle dedicar unhas palabras a don Mariano ou se insistir en que a flor do toxo non é o alecrín. No primeiro caso recollería a carraxe de moita xente. A segunda opción nace da miña teima por desfacer o equívoco en que caen persoas das que nunca o esperaría. Xa ven que estes temas non teñen nada en común.

Malia que don Mariano non lese a miña diatriba, tería unha función catártica para todas as persoas que, coma min, escoitaron estupefactas a súa petición de aforrarmos para a pensión e a educación dos fillos. É boa verdade que falar non ten cancelas. Se me alporizaron as súas palabras (son pensionista e non teño fillos), imaxinen o que pensarían os millóns de traballadores e traballadoras que, na maioría dos casos, non pasan dos mil euros e iso no caso de teren emprego.

Desde logo que se nos explicase o señor Presidente como, en tales circunstancias, se pode pagar un fondo de pensións e asegurarlles unha carreira aos fillos, sería merecente do premio Nobel de Economía. Mais non o poderá facer. Ou descoñece o país en que vive, ou non lle importa faltarlle ao respecto ao pobo para o que di gobernar, porque semella unha burla.

Axudar a devolverlles ás flores dos toxos (e das xestas) o seu verdadeiro nome, chorimas ou choridas, vai ser máis agradábel, así que, se cadra, collo por ese camiño. Todo comezou cando Pilocha, moi noviña, estudante de Historia en Compostela, gravou un LP titulado co seu nome, Pilocha, que incluía a canción Alecrim. Era o ano 1970 e a súa fermosa voz popularizouna, do mesmo xeito que fixo con O sancristán de Coimbra; mais a versión da letra, que ignoro a quen se debe, incluía esta interrogante: "Ai amor, amor, quen che dixo que a flor do toxo era o alecrín?". A partir diso, xurdiu o equívoco.

O alecrín ou alecrim é o romeu (rosmarinus officinales) e a súa flor non é dourada, senón azul violeta. Porén, hai outro alecrim, propio de América do Sur, unha especie arbustiva (baccharis dracunculifolia), dioica por ter dous tipos de flores, as femia brancas e as macho de amarelo rechamante e cun arrecendo parecido ao do mel. As abellas utilizan a súa resina para facer o propóleo.

Como queira que estamos diante dunha canción popular brasileira, cuxa letra orixinal reza: "Foi meu amor / que me disse assim / que a flor do campo é o alecrim", coido que non debería ficar ningunha dúbida.

Vaia, xa non elixo: burla burlando esgotei o espazo.

Don Mariano e a flor de toxo
Comentarios