jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Disparándonos aos pés

SE CADRA son algo masoquista. Acudo ás veces ao dicionario elaborado pola máxima —en teoría— autoridade lingüística da nosa nación. Fágoo e bato coa crúa realidade. Cal? A do entusiasmo que poñen en deixar a árbore das palabras sen ramas nin follas. Porque iso fan: actuar como profesionais da cepa.

Sempre que acudo a un centro de ensino para animar á lectura, insisto na idea de que non é posíbel razoar sen palabras. Emprego un exemplo que os rapaces e rapazas adoitan comprender ben: razoar sen palabras é tan imposíbel como xogar unha partida de tenis sen pelota nin raqueta ou xogar ao xadrez sen taboleiro nin fichas, tan sequera improvisadas.

Unha afirmación rotunda como esta coa que comezo o artigo, esixe xustificación. Velaí: Non é estraño nin inoportuno que, entre as múltiples variantes dunha mesma palabra, escollan unha. Ben se sabe que a multiplicidade de formas é propia dunha lingua apenas escrita durante séculos. A incomunicación dunhas zonas con outras, as simples limitacións auditivas, xunto cos hábitos lingüísticos de cada área, explican o fenómeno. Mais eu falaba de poda, dito doutro xeito, de ablación de palabras, ou mesmo de asasinato. "Chamábaste", diría un vaqueiro de película brandindo a pistola antes de disparar.

Cepar, extirpar, disparar, en aras de que? A miña primeira sospeita é a de que, todo o que lles soa a portugués é desterrado. Curioso que, entre xentes da súa profesión, descoñezan —ou actúen como se o descoñecesen— que son dúas pólas nacidas no mesmo tronco e que o lóxico é que gran parte do léxico sexa común. Porén, entre as variantes sempre escollen a máis afastada da súa siamesa. A título de exemplo: palabras tan pouco cuestionábeis como cío (período de actividade sexual dos animais) ou ciúmes (celos), serían expulsadas da república do galego se nos ativésemos a certo(s) dicionario(s).

Semella, así mesmo, que consideran inventado o que ignoran. Un coñecido catedrático universitario, académico por máis sinais, tenme asegurado que o verbo arelar (desexar algo con intensidade) é un invento. Que palabra non o é? Non é invento o fume como indicador de que hai lume, mais as palabras son convencións, construtos humanos. Non acreditaba en que eu a tivera escoitado desde nena e, desde logo, tampouco a debía ter lido, poño por caso, na novela Arredor de si, de don Ramón Otero Pedraio.

Servidora non é ninguén neste eido, mais ouso pedir en nome da nosa supervivencia, que non sigan coa dieta que lle están aplicando ao galego, porque o matan. Adelgázano até a caquexia e, por se fose pouco, non lle deixan facer exercicio para medrar. Oxalá puxesen o mesmo empeño en desbotar castelanismos e anglicismos.

Disparándonos aos pés
Comentarios