Opinión

Despoboándonos

Nalgures lin que as zonas rurais do Estado español perden cinco habitantes a cada hora. Galiza contribúe teimosamente a que isto suceda porque é unha das comunidades coa  poboación máis avellentada. Que denunciar este feito sexa un tópico non lle resta veracidade e, moito menos, dramatismo.  Na medida en que nos despoboamos, en que baleiramos a terra de nós, perdemos identidade e deixamos de existir. Todo devén silencio e esquecemento.

Cando quen nos goberna manifesta a súa preocupación pola sostida mingua de xente, non dubidamos de que está a dicir o que de certo sente e pensa. Porén, os feitos desménteno. 
É sabido que, sen uns bos medios de comunicación, é difícil, ou máis ben imposíbel, sobrevivir nos ámbitos rurais. Non é cuestión de divertimento -que tamén-, senón de recursos para levar a cabo con éxito calquera actividade económica.

E é que, alén dos pésimos transportes públicos, sospeitosamente monopolizados por certas empresas que os desatenden, as telefónicas e a internet que depende delas, abandonan as zonas que, precisamente por ter escasa poboación, non lles resultan rendíbeis. É o can a trabar o propio rabo, o círculo vicioso do que non é doado saír.

Superando con dificultade o antedito, aínda hai uns poucos valentes que resisten, ora por non quereren abandonar os eidos de nacemento, ora por teren chegado á aldea recentemente e non estaren dispostos a desistir tan pronto. Porén, hai dúas barreiras difíciles de saltar: a falta de médicos e a distancia a centros de ensino.

Máis unha vez, o can morde o rabo. A ‘ratio’ ou relación establecida entre o número de pacientes por facultativo, ou de alumnos por aula,  non se corresponde coas necesidades reais de certos núcleos de poboación. É o caso, por exemplo, dos veciños de Negueira de Muñiz, agora mobilizados porque fican sen médico e deben ser atendidos por un desde A  Fonsagrada. ‘Os que así nos tein, só tein noso os nosos nomes no censo’, segue a clamar Novoneyra desde a súa poesía. O Courel a cadora desposuído de tantas cousas elementais. A canción ‘Fuxan os Ventos’, a denunciar a orfandade dos campos, ten máis vixencia ca nunca.

Non hai médicos, disque, mentres procesos de homologación de títulos, xa en marcha e cumpridos todos os requisitos, demóranse por varios anos. En que xanela poderemos reclamar?

Aquela consigna do Maio francés, no xa lonxincuo 1968, ‘a imaxinación ao poder’, talvez se poida reciclar. Para repoboármonos, ‘a imaxinación ao rural’. 

Forza creativa para nos procurar na memoria do futuro, guiadas e guiados por algúns dos xeitos do pasado que lle poden dar un respiro a esta magoada terra. Oxalá.

Comentarios