Opinión

Democracias que paren ditaduras

ALGUÉN ten afirmado que o único momento puro en política é aquel en que se alza a copa para brindar polo triunfo da revolución. Despois virá o diaño coa rebaixa. A condición humana tende a deixarse tentar polo poder e a ambición e esquece con facilidade a meta cara á que se dispuxo a camiñar. Se isto é certo, serao moito máis no caso en que o que se celebra é un triunfo electoral. Deixando á parte as motivacións iniciais de cada candidata ou candidato, xunto aos honrados son tamén moitos os que moven a conveniencia o obxectivo dos seus pasos.

Daniel Ortega, antes heroe, bota polo chan agora a loita da Fronte Sandinista de Liberación Nacional. Elixido democraticamente, presidiu o goberno da República de Nicaragua en sucesivas lexislaturas (1985-1990, 2007-2012, 2012- 2017, 2017- actualidade).

As inxerencias dos USA, implicados desde o comezo na organización da que fora chamada Contra, conflitos con Colombia e cos indios misquitos, o escándalo que produciu a denuncia de abusos sexuais por parte da súa fillastra, entre outras cousas, embazaron os logros conseguidos (crecemento económico, descenso da violencia, sanidade, educación). Malia todo, cando se presentou de novo en 2016, coa proposta da súa muller Rosario Murillo como vicepresidenta, obtivo o 72,5% dos votos emitidos (!).

É difícil acreditar na limpeza dos resultados se se considera o descontento que nos últimos tempos provocou unha serie de manifestacións pacíficas que o goberno está a reprimir con violencia crecente. A disidencia castígase con torturas, violacións, cadea e mesmo morte aleivosa.

Chegan noticias do secuestro da xornalista Lucía Pineda Ubau, de 100% Noticias, unha TV cuxo sinal interrompeu a policía de Ortega ou, talvez, os paramilitares que este promove. É unha muller de prestixio, moi prezada polo pobo, procuradora da verdade sempre. Seica a están torturando e foi trasladada a urxencias co rostro totalmente desfigurado, violárona e téñena espida na cela sen colchón e sen alimento.

Velaí como certas democracias -non é nada novo- deveñen en ditaduras cando detrás están os intereses dos de sempre ou os fanatismos de calquera caste. Porén, Nicaragua vencerá.

A primeira pregunta que nos temos que facer é a de se existen as democracias. É triste que teñamos que nos comparar con países así para dar unha resposta afirmativa. Porque, podemos falar de democracia cando se manipula todo e vale o mesmo a verdade que a mentira con anteface? Que responder se nos dan decote gato por lebre sen que ninguén nos defenda?

Mais até aquí chegamos e ninguén nos fará recuar. Para mariñeiras, nós: Avante sempre!

Comentarios