Opinión

Deixen en paz a Nicaragua

METEN O nariz onde lles peta co pretexto de arranxar o mundo; mais é doado constatar que están na raíz de boa parte dos conflitos que asolan este mundo. Sábese que as guerras elevan o seu PIB e que teñen nelas un lucrativo negocio. Lembrando palabras daquela canción de Astrid Hadad, a cantante mexicana («Visite los EE UU antes de que ellos lo visiten a usted»), sería de agradecer que omitisen tales visitas.

A revolución sandinista, un soño de xustiza e igualdade que en 1979 derrocou a ditadura do terceiro Somoza, Anastasio Somoza Debayle, deu paso a un goberno progresista de esquerdas. Coa unión de forzas varias (socialistas, marxistas-leninistas, socialdemócratas e cristiáns inspirados pola teoloxía da liberación), introducíronse reformas fundamentais na educación, sanidade e distribución de terras (até onde foi posíbel antes de que os de sempre mandasen parar).

Os EE UU organizaron a oposición armada, a chamada contra, e sumiron o país nunha guerra. En 1990, a Unión Nacional Opositora gañou as eleccións. A presidenta, Violeta Chamorro, empezou a escribir ao ditado da CIA e o FMI, que a obrigaron a establecer un plan de axuste (suba dos prezos de produtos básicos; rebaixa do orzamento para a educación, coa conseguinte suba dos niveis de analfabetismo (minguaran no primeiro goberno de Ortega, coa cooperación internacional); desmantelamento da rede de ferrocarrís; despedimento de gran número de funcionarios e outras moitas medidas máis que elevaron o paro e os niveis de pobreza até situar Nicaragua só por diante de Haití).

Arnoldo Alemán sucedeu a Chamorro nun mandato marcado pola corrupción (1997-2002). O seu vicepresidente Enrique Bolaños, elixido despois, gobernou con medidas reaccionarias de 2002 a 2007. De novo Ortega, accedeu ao poder polo Frente Sandinista de Liberación Nacional e gañou as sucesivas eleccións até a actualidade.

Nas de 2016, Ortega propuxo a súa muller como vicepresidenta. Rosario Murillo xa viña exercendo na sombra. Once anos a mesturar relixión, superstición, populismo alienante e unha peculiar esquerda que, se non é ditadura, seméllase. Oligarquía eles, fronte á miseria crecente da poboación.

Douscentos e máis mortos, escenarios dantescos, caos para involucrar a quen pide pan e dereitos. Alí, no que era o lugar menos violento de América. Onde persoas como a lucense Ana Vila gastaron os seus mellores anos pola utopía. Onde sempre se falou de perdón e non violencia, de diálogo e non guerra. Traidores matan coas súas sofisticadas armas aos que carecen delas e simplemente claman, parapetados, polo cambio.

Ernesto Cardenal e Gioconda Belli non poetizan, denuncian.

Comentarios