miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

A décima musa e a musa de Rodin

Sor Juana Inés de la Cruz, a poeta mexicana, adoita ser chamada décima musa por uns e undécima por outros. Estes últimos baséanse no feito de que xa Platón lle adxudicara o tal título á tamén poeta Safo de Lesbos.

Non é preciso que recorde que as nove musas da mitoloxía grega son as deusas inspiradoras das distintas artes, sempre con Apolo, especie de sol arredor do que elas gravitan como planetas. (Xa se sabe, non podían ter brillo propio. Cumpría unha figura masculina de cuxa luz fosen elas espello).
Sen entrarmos en labirintos nos que nos poderiamos perder, a monxa, da orde dos Xerónimos, buscaba no claustro a liberdade da que non podería dispoñer na vida secular.

Porén, a que había ser cualificada de ‘Fénix de América’ talvez recordando o que Cervantes dixo de Lope de Vega, tivo que renunciar á súa vocación literaria por imperativo da condición feminina definida por homes, en moitos casos misóxinos. Cominada a deixar a escrita e as lecturas polo bispo de Puebla, despois de lle contestar defendendo o dereito das mulleres ao coñecemento na súa ‘Respuesta a Sor Filotea’, vendeu os libros e entregou toda a súa fortuna ao virrei para que axudase aos necesitados. Morreu pouco despois no medio dunha epidemia de tifo, contaxiada polas monxas doentes ás que atendía.

Auguste Rodin, o artista francés, a xuízo de moitos pai da escultura moderna, ben podería ser un dos potenciais destinatarios do máis célebre poema de Sor Juana Inés: "Hombres necios que acusáis...". Casado, mais promiscuo, tivo en Camille Claudel a súa particular musa.

Camille, irmá do poeta, dramaturgo, ensaísta e diplomático Paul Claudel, coñece a Rodin cando este ten 43 anos e ela 19. É tamén, malia a súa xuventude, unha escultora de mérito, ansiosa de aprender e progresar. Convertida en colaboradora e amante do home que, dalgún xeito, había destruíla, non só foi modelo para moitas obras do autor de ‘Le penseur’, senón que exerceu a súa influencia desde o punto de vista artístico nel.

Na conquista de Camille, Auguste esgrimiu a posibilidade de louquear por non tela cerca. Mais, quen louqueou foi ela anos despois, cando farta de enganos, infidelidades, burlas e quizais espolio de ideas e autoría de obras, o abandonou.

Tras a morte do pai, foi encerrada nun psiquiátrico polo prestixioso irmán, o moi católico poeta quen, nin estando curada, a deixou saír. Alí morreu en 1943, case doce anos antes que o seu carcereiro, vinte e seis despois de quen a destruíu.

Sor Juana (1648- 1695) e Rodin (1840-1917), polos opostos, nados ambos un 12 de novembro. Camille, paixón desterrada á memoria fría do mármore.

A décima musa e a musa de Rodin
Comentarios