martes. 04.08.2020 |
El tiempo
martes. 04.08.2020
El tiempo

De cando os fabricantes eran inocentes

HAI MOITOS, moitos anos, os que facían calquera aparello ou instrumento tiñan a orgullo dotalo dunha certa eternidade. Niso lles ía o prestixio profesional e a honra como persoas. Falo de artesáns e tamén de fabricantes a maior escala. Supoño que moitos deles pensarían que toleáramos se lles falásemos da obsolescencia programada: "Como, que di vostede? A quen se lle pode pasar pola cabeza facer as cousas para que non duren?".

Hai corenta e tantos anos, unha fábrica alemá de lavadoras gabábase de ter un dos seus modelos funcionando sen parar desde había máis de trinta. Hoxe, as máquinas deles, como as das demais marcas, avaríanse cando lles toca, que iso é o que lle convén ao mercado.

Un muíño metálico, xerador asemade de enerxía eléctrica, que o meu avó materno encargara tamén a Alemaña, seguía en perfecto estado hai ben pouco tempo. Supoño que aínda agora, se lle botan gran, cumprirá o seu cometido como o primeiro día malia ser nonaxenario.

Xa tiña escrito sobre a obsolescencia; mais hoxe, estando a facer unha ‘mousse’ de limón e mango, desfilaron diante dos meus ollos unha chea de recordos que se remontan a case medio século. O espremedor Taurus que a miña nai lle mercara a Lolita Betriu, irmá do fabricante, foi, como a magdalena para Proust, o catalizador da memoria. Funciona perfectamente mentres pola nosa longa familia pasaron modelos e marcas nun desfile efémero.

A obsolescencia é filla e nai ao mesmo tempo do consumismo. E o consumismo é fillo -e non precisamente bastardo- do capitalismo. A desfeita ecolóxica, a economía non sustentábel, teñen o mesmo pai, mais a estas si que non as recoñece. Non é casualidade que os maiores negacionistas do cambio climático se encontren entre os partidarios e practicantes do neoliberalismo (neocapitalismo para Lampert ou André Gorz, que propugnan unha outra realidade).

Reciclar, si. Empregar materiais con menos pegada ecolóxica, tamén. Mais é preciso volver aos tempos en que as cousas se facían para durar e quen as fabricaban non tiñan como única meta facérense ricos nun santiamén. Digamos que eran inocentes (no senso de non culpábeis e de sen malicia). Abondáballes con vivir dignamente do seu traballo. E claro que había algúns avaros e chambóns, mais sinalábanos co dedo.

Pódese argumentar que a tecnoloxía progresa e, en aras de produtos máis eficaces, o cambio ten que ser continuo. Non o nego e hai casos en que é necesario, mais na maioría é a propaganda a que nos crea a necesidade. Eu dunha cousa estou certa: os limóns da miña ‘mousse’ (que non probarei por mor da glucosa), quedaron moi ben espremidos co vello Taurus.

De cando os fabricantes eran inocentes
Comentarios