viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

De aldea, a moita honra

É TENDENCIA case universal asociar a aldea á incultura, ao anticuado e mesmo á falta de boas maneiras. O de aldeán e aldeá resulta así un adxectivo equivalente a paiolo, badoco, ordinario ou rústico e as correspondentes formas femininas.

É lamentábel que o lugar de nacemento sexa considerado como un marcador de aptitudes. Serao, se o é, de falta de oportunidades; mais quen, malia todo, atopa unha saída, demostra un maior mérito e valor.

Moitas persoas que triunfaron profesionalmente saíron da aldea (e non me refiro ás que fixeron fortuna no eido económico, que iso pode significar outras cousas). Neste sentido, coñezo médicos eminentes, enxeñeiros, arquitectos, economistas, profesores de universidades españolas e tamén estranxeiras; algúns, antigos alumnos de quen isto escribe, que loitaron co vento en contra até conseguiren o seu obxectivo.

Claro que hai paiolos nas aldeas, pero bastantes menos que en moitas vilas e capitais. Un paiolo non é quen parte dunha cultura rural, senón quen renega das súas raíces e intenta poñerse máscaras para semellar que é o que non é. Este enmascaramento comeza pola lingua e resulta tan difícil que, podo aseguralo sen mentir, aprendín máis xiros galegos de xente que pretendía falar castelán que no propio estudo desta lingua ("iba con la lengua de fuera y cuando llegó cayó en el medio y medio del patio", escoiteille hai anos a unha moza moi requintada que pasaba cun rapaz por diante da miña casa). Unha cousa é a procedencia rural, que non exclúe outras culturas, e algo ben diferente é a incultura, que pode morar en calquera parte.

Tamén hai persoas, aparentemente sabias e expertas no seu, que son un fracaso desde o punto de vista humano. Unha persoa non se constrúe a forza de títulos e doutoramentos, precísase a argamasa da ética, a coherencia e a empatía para que non se esboroe o edificio do seu ser no mundo.

Teño observado nalgún debate televisivo como se caía no erro que sinalei máis arriba, atribuíndo fracasos na política ao aspecto aldeán dalgúns candidatos e o éxito ás aparencias urbanas doutras. O curioso é que erraban na procedencia de ambas. Hai que rascar un pouco máis para ver alén da tona.

Sucede, ademais, que do campo procedemos todos, inclusive quen non pode xa precisar desde que xeración os seus viven na cidade. E, desde logo, a poboación galega foi até moi entrados os anos sesenta do século XX maioritariamente mariñeira e campesiña.

A que vén toda esta leria? A que nos cómpre fomentar o orgullo, mellor a dignidade, de sermos nós. Nacer aquí ou aló nada ten a ver con cousas fundamentais. Avergoñarse e menosprezármonos entre nós, si.

De aldea, a moita honra
Comentarios