Opinión

Darlle todo o futuro ao presente

ACONSELLÁBAO, e mesmo o consideraba un acto de xenerosidade, Albert Camus, o filósofo arxelino-francés a quen amou a nosa actriz exiliada, María Casares: "Hai que darlle todo o futuro ao presente". Deixando á parte a contextualización da frase, o que nos levaría a un repaso do concepto de absurdo no autor de ‘O mito de Sísifo’, coido que resume todo un proxecto de vida. Por iso o mesmo autor recomendaba rebelarse contra o absurdo, contra a falta de sentido da existencia, tratando de mellorala, loitando por toda a humanidade. Unha solución ben máis produtiva e ética que o nihilismo que conduciu ao suicidio a moitos que, coma el, non acreditaban noutra vida. 

Corren tempos en que todo nos convida ao escepticismo. Non entendemos ao ser humano e ten especial vixencia a afirmación que popularizara Hobbes, tomada da obra ‘Asinaria’ ou ‘A comedia dos asnos’, de Plauto: "O home é un lobo para o home". 

Naturalmente que se usa o substantivo "‘home"’ como universal, para abranguer toda a especie humana. E, aínda que así sexa, hai tempadas en que a violencia contra as mulleres se acentúa especialmente e dan ganas de afirmar que moitos homes son lobos para as mulleres. (E que non se me ofendan os que non o son). Non debeu ser casualidade que a imaxinación popular escollese este animal para acosar á ‘Carapuchiña Vermella’, a protagonista do conto do que fixeron distintas versións Charles Perrault ou os Irmáns Grimm e do que tantas ensinanzas se levan extraído. 

(Non me tachen de politicamente incorrecta os animalistas, pero preciso a imaxe. Malia todo, aínda que debamos protexer a súa especie, os lobos son depredadores e cómpre coidármonos deles. As súas vítimas sábeno). 

Adiamos as solucións aos problemas, fiándoo todo ao futuro, mais todo o que temos é o presente. O ben e o mal que facemos agora son a única intervención que podemos proxectar sobre o futuro, ese outro presente que aínda non chegou e que virá san ou envelenado, segundo como o alimentemos hoxe. 

Pensar isto e actuar en consecuencia é o xeito de se librar da angustia. Angústianos sentírmonos como monicreques, manexados por un azar caprichoso e, a miúdo, cruel. Mais somos libres cando tentamos coller nós os fíos da representación. Angústianos tamén a impotencia diante da antropofaxia do gran capital, culpábel do atraso e a fame de moitos países. Mais somos libres cando nos rebelamos contra as inxustizas, como tamén ensinou Camus. Este rebelarse non consiste en tomar as armas, senón en loitar polos valores morais. 

Simplifico se digo que traer o futuro ao presente significa facer realidade, xa, o que só é esperanza?

Comentarios