domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Críticas e monolíticas

PERMÍTANME QUE simplificando –os matices existen, por fortuna– divida as persoas en críticas e monolíticas. Acontece na política, na relixión, no fútbol e en calquera actividade humana que nos leve a tomar partido ou, cando menos, a emitir un xuízo aínda que sexa só para os nosos adentros.

Non ten que ver coa idade: Hai mozos e mozas críticos e hainos monolíticos. Hai maiores monolíticos e hainos críticos. A madureza ou a idade provecta non protexen o pensamento da discrepancia nin da rixidez. A xuventude, tampouco.

É, polo tanto, falaz atribuír as diverxencias a cuestións xeracionais. Coido que está máis emparentada coa cultura, a intelixencia, a educación e o sistema de valores.

E vén todo o anterior a tergo de quen opina –aínda que sexa no subconsciente, mais non tarda en aflorar– que o recomendábel para as opinións das persoas de máis de cincuenta anos é o faiado.

Non deixa de ser paradoxal que nestes tempos de maior lonxevidade e de xubilacións activas, se desprece, como inservíbel, a experiencia acumulada polos maiores e mesmo se invoque como gran mérito o uso das novas tecnoloxías polos máis novos.

Non podo evitar o recordo da obra de Jacinto Benavente El príncipe que todo lo aprendió en los libros. O rapaz lera tantos contos de fadas que, cando se atopou coa realidade, soamente a sabía contemplar baixo o prisma da fantasía. Para gobernar tivo que aprender cousas alén da pura ficción.

Benditas as novas tecnoloxías, mais o conto hoxe titularíase O príncipe que todo o aprendeu no móbil. Con máis ou menos axilidade, a un certo nivel, non queda moita xente que non saiba facer uso de internet, en xeral, e das redes sociais, en particular. Mais, enredadas nelas, son moitas as persoas novas que apenas coñecen outra realidade que a virtual.

No saco das cousas que se desbotan figuran a lectura comprensiva –non se entende, se non, como sempre collen o ravo polas follas, é dicir, deixan o substancial soterrado e quedan co accesorio–. Desprezan tamén as boas maneiras, o respecto ao pensamento alleo e o pacifismo (os e as pacifistas non empregan as redes sociais para, baixo o anonimato, descualificar, calumniar ou vomitar inmundicias. E si, ben sei que tamén hai adultos, ben adultos, que o fan).

A cara máis visíbel de todo o que digo asoma polas xanelas da política, ese escaparate onde non é doado que pasen desapercibidos os exabruptos e saídas de vía. Non importa a filiación política nin a titulación académica, predomina a vulgaridade e o poñer a quen está enfronte en permanente estado de sospeita. Importa responder argumentos co estoque que se leva agochado. É o signo dos tempos: así nos vai.

Críticas e monolíticas
Comentarios