miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

A conxura dos necios (versión cutre)

Supoño que coñecen a novela de John Kennedy Toole (1937-1969) titulada La conjura de los necios. Así a lin, en español, porque por desgraza non sei inglés. Disto xa hai moitos anos, mais recordo ao protagonista, Ignatius J. Reilly, un personaxe excéntrico e orixinal no que algúns quixeron ver o alter ego do autor, cousa que o seu biógrafo desmente. Trátase dunha sátira da sociedade, tan cáustica como ateigada de humor intelixente. O escritor suicidouse ao non atopar quen lle editase unha obra que, publicada postumamente polo afán de súa nai, había gañar nada menos que o premio Pulitzer. 

Véuseme á memoria cando pensei nun título para esta columna, así que, non sendo o obxecto da miña reflexión de hoxe, deixo a cousa aí, malia ser merecentes, autor e obra, de maior atención.

Quen son os necios aos que me refiro? E se en realidade non é ese o cualificativo que lles cómpre? Segundo a Rag, é necio quen non sabe o que debería ou podería saber, sinónimo de ignorante ou babeco. Non lles parece que os que rexen certas cadeas televisivas saben moi ben o que fan? Non pretenden só ser o opio do pobo –dito en expresión marxista reciclada–, senón imbuílo de necidade. Para iso precisan intelixencia. Intelixencia que, neste caso, semella non encamiñarse a ningún outro obxectivo que o servizo ao Capital. O Capital precisa xente non crítica e, daquela, manipulábel; xente ignorante e, por tanto, doada de enganar.

Quen mellor para impartir leccións neste senso que as personalidades que pululan polos escenarios a laretar? 

Boa parte da prensa e outros medios fixéronse eco das surrealistas declaracións dunha tal Paz Padilla, elevada aos altares da fama polo sortilexio da pantalla e, así, con dereito a opinar do divino e do humano. Velaí unha ignorante ousada, a predicar contra as vacinas do covid-19 e a poñer de relevo os seus coñecementos verbo do léxico relativo á pandemia: cepa oritrón, virús de Luján e outras perlas semellantes.

Aínda non vendo ese tipo de televisión, é inevitábel non saber o que pasa nela. Poderiamos chamarlle, por analoxía, osmose, ese fenómeno que ten lugar cando dous líquidos separados por unha membrana se comunican. 

A antedita señora non ten toda a culpa, tampouco as demais persoas sen preparación e, sobre todo, sen sentido común, que nos ilustran. Á fin acoden a onde llelo dan. A culpa é de quen pensa que, por seren cadeas privadas, poden facer o que lles pete. Tamén os bares son privados e non por iso venden alcohol metílico ou lle poñen arsénico ao café. 

A culpa é de quen lles mantén a concesión. Liberdade –din– mentres fabrican necios.

A conxura dos necios (versión cutre)
Comentarios