Opinión

Con grandeza de España!

QUE HAI países no mundo apenas saídos da prehistoria, non é ningún segredo. Deles nada nos debería sorprender, porque todo é memoria transmitida oralmente, superstición e, se cadra, inocencia orixinal. Inocencia orixinal dalgúns, mais ben seguro que malicia, tamén orixinal, doutros. Porque, o de opresores e oprimidos,debe ser tan vello como a especie humana.

Aquí, porén, a prehistoria fica moi atrás e a historiografía, iso que o dicionario define como conxunto de técnicas e teorías relacionadas co estudo, a análise e a maneira de interpretar a historia, está o suficientemente avanzada como para que non nos dean gato por lebre.

Sábese, aínda que algúns o queiran ignorar, que o franquismo foi unha ditadura, non unha ditabranda como defenden os que se beneficiaron dela. Sábese que, en nome de Deus e de España, o ditador morreu asinando sentenzas de morte. E, sábese tamén que, á sombra da súa ambiciosa muller, a fortuna do que era así mesmo un ambicioso militar, medrou coma a escuma. Honradez, xa que logo, cero.

Mais sucedeu que, como a sombra do ciprés, a do franquismo tamén é alongada. Morto o can (con perdón), non acabou a rabia. O hoxe rei emérito tivo a ben concederlle á súa filla, María del Carmen Franco y Polo, o Ducado de Franco con grandeza de España "en atención a las excepcionales circunstancias y méritos que en ella concurren". Era o 26 de novembro de 1975 e o cadáver do ditador estaba, como quen di, quente. O rei, catro días no trono, agradecíalle así a sucesión que o xeneral en grao superlativo decretara.

Non sei moi ben cales eran as excepcionais circunstancias e méritos que concorrían na muller do Marqués de Villaverde, mais podo saber as que concorren na súa filla, Carmen Martínez- Bordiú Franco. Está todo escrito no papel couché, o das revistas do corazón que tanto lle deben e ás que tanto lles debe. Matrimonios, divorcios, romances, viaxes, entrevistas pagadas e superficialidades diversas. Velaí o seu currículo.

Si, o currículo da que solicita ao Ministerio de Xustiza a sucesión no Ducado de Franco con grandeza de España. Entendo que o actual rei terá que dar o seu visto e prace.

Que gran ocasión tería de se desmarcar, aínda que non fose máis que simbolicamente, do escuro período que desembocou na súa dinastía. Malia todo, non coido que o faga. Tal como está o patio, os reloxos recúan e o río das ideoloxías baixa enturbado.

Quen nos ía dicir que un xuíz admitiría a trámite unha denuncia contra quen, en cumprimento da Lei de memoria histórica, lles mudou nomes a rúas de Madrid?

O de Duquesa de Franco pode pasar, que cargue con ese título, mais a grandeza...

Comentarios