Opinión

A chuvia chove mollada

HAI PLEONASMO ou redundancia no título deste artigo, un verso da brasileira Ana Cristina Cesar. A esta figura retórica engádeselle outra, o epíteto, ese adxectivo innecesario, mollada, referido á chuvia. Asemade, o que é de seu un verbo impersoal, ten aquí un suxeito, a chuvia, animada desde a perspectiva do hilozoísmo. É o equivalente portugués ("chove chuva molhada") ao noso "chove sobre mollado".

Este preámbulo proponse poñer de relevo canto de cultura literaria pode haber na puramente popular, á marxe do coñecemento teórico.

De igual maneira, moitas mulleres ignoran e ignoraron ao longo da historia calquera teoría feminista, mais tiveron a carraxe de seren libres antes e/ou despois de que as marcasen a ferro e a fogo. E xa non falo das meigas, condenadas pola Inquisición coma herexes, acusadas de trato carnal co demo polo feito de aplicaren os seus coñecementos das herbas para curar. Non falo das maneiras calderonianas de reparar a honra ofendida. Nin tampouco me refiro ás fillas do nacional catolicismo, educadas baixo os postulados da Sección Feminina, escravizantes e castradores, ao servizo do patriarcado máis rancio. Non me refiro a elas porque poden semellar capítulos da nosa historia xa superados. Porén, segue a chover chuvia mollada.

Sempre chove sobre mollado cando as mulleres recibimos maltrato por parte dalgún troglodita. Sempre está Eva nos alicerces do mal. Sempre, a casta Susana a ser calumniada polos vellos aos que rexeitou. E, por riba, ás que carecen de liberdade, cúlpanas de transmitiren moral de escravas.

Circula polo Facebook, coa etiqueta #noviolenciasingenero, un diálogo entre unha nai e unha filla no que esta anuncia a celebración do día da violencia contra a muller. A nai respóndelle que na súa casa non se celebrará porque ningún home da familia é violento.

O primeiro erro consiste na denominación, xa que o 8 de marzo é o Día Internacional da Muller. O segundo é a falta de solidariedade ao non se conmover por algo que non a afecta directamente. Pola mesma regra de tres, non nos tería que preocupar a fame no mundo porque nós nos alimentamos sen máis límites que os do apetito e a saúde. O terceiro, non querer entender que, malia que toda violencia sexa violencia, hai unha específica contra as mulleres polo simple feito de séreno. O trato desigual tamén é violencia. É tan evidente, que non precisa argumentos. Por último, a data do 8 de marzo recorda a manifestación que baixo o lema "Pan e rosas" percorreu as rúas da metrópole norteamericana en 1854, a reivindicar melloras laborais e cese do traballo infantil.

Dun ou doutro xeito, hai que recordalo. É pedagóxico.

Comentarios