jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Choque de trens

Segundo de Chomón (1871-1929) foi un aragonés pioneiro do cine mudo, que desenvolveu maiormente as súas actividades en París. En 1902 fixo un documental de tres minutos, empregando trens reais e maquetas, co mesmo título desta columna. Interesábanlle os trucos e os efectos especiais e, como noutros,  a eles se encomenda neste filme mudo para lle dar dramatismo e verosimilitude ao impacto de dous convois.

Descoñezo se hai truco no choque que se produciu esta semana entre dúas novas ben diferentes. Dunha banda, a chegada do primeiro AVE a Ourense. Non sei se a emoción se pode comparar coa da chegada da primeira locomotora a aquela cidade (1881), cantada por Curros nun seu poema. Tampouco me atrevo a imaxinalo escribindo cousas semellantes verbo dos trens de alta velocidade que nos fan desembocar nese núcleo, a capital do Reino de España, en que velis nolis nos obrigan a converxer. Doutra banda, o anuncio por parte de Movistar da súa decisión de retirar a liña telefónica fixa do Courel.

Non podemos permitir que sexa tamén muda a reportaxe deste choque que ningún Chomón filmará. É preciso denunciar a incoherencia e desprezo con que nos tratan. E non se diga que é victimismo. Estas palabras de Novoneyra, á luz do anuncio da empresa de telefonía, están plenamente de actualidade: "Os que así nos tein /Só tein noso os nosos nomes no censo".

Movistar foi antes Telefónica, unha empresa pública. Felipe González empezou a privatización vendendo a maioría das accións. Aznar completouna ao liquidar o 20,9 que o Estado se reservara. Fíxoo sen pasar a decisión polo Congreso e impoñendo que fose presidente o seu amiguiño Juan Villalonga, un home en cuxos negocios é mellor non se deter. Na actualidade xa non é parte de Movistar, que se saiba. 

Supoño que seguirá vixente a Acción de Ouro que reservou no seu día o Estado e non é outra cousa que o dereito de veto. Se non a usan, se non vetan o desmantelamento das liñas courelás, que non nos conten nin canten máis milongas de zonas de protección especial nin nos falen da súa preocupación polo país baleirado. A estas alturas, ninguén ignora que as boas comunicacións son imprescindíbeis para reverter o despoboamento e xerar riqueza en calquera das actividades posíbeis.

Porén, vivimos nun Capitalismo caníbal ao que chaman eufemisticamente Neoliberalismo. O único que conta é non perder un euro por ningún lado, por máis que os gañen a millóns. Semella que non teñen máis obriga social que encher o bandullo.

E se o que pretende Movistar é que o Estado lles compense as perdas  subvencionando estas liñas menos rendíbeis? En todo caso, o AVE sempre nos levará a Madrid. Que ironía!

Choque de trens
Comentarios