Opinión

Carta a min mesma

BENQUERIDA AMIGA (case sempre) e aborrecida inimiga (algunha vez): Escríboche neste maio arroutado, que máis semellaría marzo se se cumprisen os refráns de outrora: "Marzo, marzán, pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de can" ou "Cando marzo maiea, maio marcea". Non maieu marzo e si marcea maio. Non hai que lle facer, as nubes e a presión, os ventos e as temperaturas, non teñen follas de reclamacións.

Deixo, polo tanto, o tempo meteorolóxico á parte e reparo nos tempos –os cronolóxicos– que nos toca vivir. Arroutados e con cara de can tamén, mais floridos como todos os maios, mesmo os que marcean igual ca este.

Faleiche da folla de reclamacións verbo do tempo meteorolóxico e talvez debera habelas, mais dirixidas á humanidade que inflúe negativamente nos climas até mudalos. Cambio climático, vaia, seguramente imputábel (ademais) a outros factores.

Do que acontece no outro tempo, no que miden os reloxos, abofé que se nos poderían pedir contas. Quen temos certa idade sabemos ben que pasamos daquela inocencia (espontánea, obrigada e/ou impostada) de azucenas do maio con flores a María ao maio con bullyng ou acoso escolar, botellón e outras destrucións e miserias.

"Nosotros, los de entonces, ya no somos los mismos"; diría o Neruda mozo da Canción desesperada. El, que foi exemplo dunha das manchas (nódoas, diría unha conspicua falante) que emporcallan maio e todos os meses do ano: a posesión das mulleres, impoñendo a cuarta parte do amor segundo as contas da poeta arxentina Olga Orozco ("El sexo, sí, / más bien una medida: / la mitad del deseo, que es apenas la mitad del amor").

Nós, as daquela, xa non somos as mesmas. Boa parte dos homes, tampouco. Unhas e outros fomos aprendendo e depurando o machismo que nos inculcaran os poderes fácticos. Agora, sabes?, todo é máis visíbel.

Disme que actuamos por consignas, que como o expresa Jaron Lanier, o gran estudoso da realidade virtual, Google e Facebook son imperios de modificación do comportamento. É certo. Ás veces bastamente e outras cunha sutileza sibilina, aínda que isto semelle un oxímoro. Porén, se estamos atentas, non embarrancaremos nas rochas e si escoitaremos a respiración do mundo.

Pide, xa que logo, a folla de reclamacións e escribe os nomes de certas cadeas televisivas, das redes sociais, da publicidade que crea estereotipos e move ao consumismo, dos que non lexislan porque non ousan poñer diques ao mar. A continuación, con letras máis grandes, escribe casa, ensino e o teu propio nome. E dálles tamén as grazas por axudar a espallar os "non é non", os "basta xa", os "nunca máis" e outras mensaxes que nos van configurando.

Comentarios