Opinión

'Carpe diem', carpe a Terra

Na frase latina carpe diem o verbo é imperativo de carpere. O significado da expresión, non traducida literalmente, é "aproveita o momento". Trataríase, logo, de non procrastinar e agarrar o presente.

Carpe, en galego, amais de imperativo, é terceira persoa de singular do verbo carpir que, nunha das acepcións e segundo o dicionario da RAG, significa "chorar emitindo ao mesmo tempo queixas ou lamentos de dor ou de desesperación". 

O carpir da terra é directamente proporcional ao carpe diem. Por iso quixen contrapor ou enfrontar as dúas palabras homónimas para me referir á sentenza do Tribunal Supremo verbo dos eucaliptos. Para este alto tribunal, o eucalipto non é unha especie invasora. Responde así á demanda do Concello de Teo que pedira, pola vía administrativa, que fose declarada tal para ter unha base xurídica en aras de limitar as plantacións. Despois de fracasar no intento, acudiu á vía penal.

O Comité Científico informara de que todas as especies de eucalipto naturalizadas en España teñen carácter invasor e capacidade transformadora do medio. A Dirección General de Desarrollo Rural y Política Forestal negouno. Daquela, a Xunta tamén entrou no litixio alegando a importancia económica do sector co resultado que xa coñecemos.

Os informes, xa se sabe, fanse con frecuencia ad hoc. Alguén faría un á carta para lle facilitar o fallo ao Supremo. Porén, os estudos máis rigorosos din outra cousa.

Hai anos, un biólogo e profesor non puido defender a tese que elaborara e presentara na Universidade de Santiago porque, recibindo algún proxecto académico cartos de Endesa, non debían permitir que se explicasen as causas da chuvia ácida e os seus efectos. O problema ecolóxico tiña o selo da central de As Pontes. Presentouna en Madrid e, ademais da máxima cualificación, recibiu a solidariedade do xurado.

Onde circulan cartos, a obxectividade salta pola xanela. Tanto por parte dos gobernos como das empresas e dos particulares, interesa o rendemento inmediato, como se non existise un mañá. Non se escoita o carpir da Terra, os seus avisos a reclamar o equilibrio que rompen as solucións cómodas, as de ir polo atallo tripando a colleita.

Fíxense até onde desata paixóns este asunto: Nunha comunidade de montes, un membro da mesma que se opuña a plantar eucaliptos, tivo que soportar que outros comuneiros lle colocasen ramallos desta árbore na tumba dos pais. A vileza do xesto é evidente. Non hai que agardar de persoas así un mínimo de sensibilidade e intelixencia para escoitar a voz da Terra.

Ela, con Celso Emilio Ferreiro, está a nos dicir que nin remedio nin esperanza virán de fóra.

Comentarios