Opinión

Cans perdidos sen colar

NON É a primeira vez que tomo un título prestado para o meu artigo. O de hoxe pertence a unha novela de Gilbert Cesbron, o escritor francés comprometido desde unha óptica cristiá cos problemas sociais do seu tempo. Tampouco non é a primeira vez que o cito.

En Cans perdidos sen colar o devandito autor refírese aos nenos que, despois da Segunda Guerra Mundial, ficaron orfos ou foron abandonados polos seus ao non lles poderen atender as necesidades máis básicas. Cesbron enfoca co seu obxectivo un grupo dun reformatorio que soamente acha cariño e compaixón no xuíz de menores Lamy. Será o trato deste home o que poña de relevo a inocencia, xenerosidade e capacidade afectiva que aqueles desherdados posuían malia todo.

Non é preciso ir a aquela época nin ás secuelas daquel conflito para atopar rapaces e rapazas abandonados e maltratados. Porén, semella que se mira máis pola especie canina que polas criaturas humanas.

Unha miña amiga, sabia mestra, que hoxe sería centenaria, adoitaba citar un refrán que me resultaba bastante enigmático: "Nunca un tolo tivo un fillo". Deume abondo que cismar porque, de xentes curtas de entendemento ou desequilibradas na conduta, coñecín descendentes aos que, malia todo, non había nada que lles reprochar e, sen dúbida, desde o punto de vista biolóxico eran os seus fillos.

Por desgraza, actualmente hai moitos tolos e tolas porque, desde logo, hai moitos nenos e nenas que semellan non ter pais. E cóntolles algo que aconteceu a fin de semana pasada:

Eran as catro da mañá cando no local de radio-taxi e radioafeccionados, situado no parque da Milagrosa ou de Frigsa, soou un estalo na porta. O traballador de garda, un home valente, saíu mirar de que se trataba e puido comprobar que escacharan un ovo sobre a folla metálica. Limpou a desfeita e volveu ao seu posto. Moi pouco despois xa non foi un estalo, senón un bombardeo de ovos. A súa sorpresa foi ver que os vándalos eran rapaciños de doce ou trece anos. Tapaban o rostro con máscaras de Scream e seguramente se soñaban o protagonista psicópata da película.

Se son orfos os tres, cousa que dubido, alguén se terá que facer cargo deles. Se non o son, mais os seus non queren ou non poden controlalos, o mesmo. Agora son nenadas –a miúdo máis ca iso-; pero de seguiren polo mesmo camiño converteranse en delincuentes doutro calibre, con todas as consecuencias que iso traerá para eles e para a sociedade que non foi capaz de socializalos.

Incluír nos programas electorais a prevención de cousas así non dará votos, mais nada se pode construír sen alicerces. Agora comprendo ben o refrán: ter fillos require madureza para educalos.

Comentarios