Opinión

Cando as árbores falan

Na nosa infancia, escoitabamos contos dun tempo afastado e impreciso, no que todo era posíbel. A persoa narradora adoitaba comezar máis ou menos así: "Hai moitos anos, cando os animais falaban..." Tratábase de fábulas protagonizadas por irracionais con capacidade de expresar pensamentos, marcarse obxectivos e deseñaren as estratexias pertinentes para acadalos. Non nos resultaban falsas aquelas narracións, en todo caso coherentes coa astucia do raposo, a vaidade do corvo —de fermosa voz, segundo a adulación do renarte—, ou o lobo malvado travestido de avoa da Carapuchiña.

Xa na idade adulta, ao lermos La sangre (1952) de Elena Quiroga, non tivemos que violentar o entendemento para acreditar na novela en que un castiñeiro actúa de narrador omnisciente e nos conta a historia dunha familia. Tampouco ao lermos Las ataduras, de Carmen Martín Gaite, onde ten a voz unha cepa, ou La enredadera, de Josefina Aldecoa. E non se esgotan aquí os exemplos de vexetais a render testemuño. 

Hai poucos días que o Carballo de Conxo, o máis vedraño daquel bosque, foi elixido árbore do ano 2022 no Estado Español. Agora é candidato ao mesmo recoñecemento no ámbito europeo. Alén da súa presenza impoñente, este exemplar de Quercus robur foi, como é ben sabido, espectador mudo do célebre Banquete de Conxo (1856), aquel no que estudantes composteláns confraternizaron con obreiros e artesáns e incluso lles serviron o xantar. Non sobra dicir que a Compostela católica e ben pensante se escandalizou. Aquela era unha simbólica derruba dos valos da desigualdade social. 

Sabemos que alí estaban, entre outros moitos, Luís Rodríguez Seoane, Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre. Os tres fixeron cadanseu brinde en verso. Non sería estraño, e moito menos imposíbel, que Rosalía de Castro tamén andase por alí. De calquera maneira, abonda con ler os poemas Los robles e ¡Jamás lo olvidaré...! De asombro llena, de En las orillas del Sar, para saber que, dun ou doutro xeito, ela estaba. A admiración polos carballos e a dor polo bosque que pincharon os Mercedarios coa complicidade do cardeal Payá, fica patente no que é un temperán manifesto ecoloxista.

Din que sobe dos 250 anos; así que, ademais do xa referido, ten o valor de ser un supervivente, un indultado da desfeita que denunciou Rosalía. A teor da súa envergadura, poden ser moitos máis e, polo tanto, xa tería un tamaño considerábel en 1882, cando se realizou a corta.

E se alguén o fixese falar? Ben seguro que nos contaría moitas cousas que non sabemos de nós. E, se cadra, talvez nos amoestase por non valorar o que somos.

Comentarios