Opinión

Camiñartes, a beleza do auténtico

KONSTANTÍN Stanislavski, o gran mestre teatral ruso, aconsellaba que amásemos a arte que temos dentro, non a nós mesmos e mesmas a facer arte. Velaí a fronteira entre a verdade e a súa aparencia. A primeira, a verdade, tende a encher o baleiro do corazón humano. A segunda, a aparencia, agranda o fol da ambición para o que nunca hai fariña dabondo.

O músico, compositor, organista e director de orquestra sarriao Canco López; a súa dona, a violinista oriúnda de Ávila Elsa Ferrer; o mundo de sinerxías artísticas que desencadean ao seu redor, son verdade e, daquela, beleza en estado puro. Ambos cunha moi interesante traxectoria no eido da interpretación e a pedagoxía musical, talvez máis coñecidos e recoñecidos fóra do ámbito galego, dedícanlle cada ano tempo a unhas xornadas que manteñen vivo un proxecto deseñado por eles: a simbiose entre música, poesía e escena.

Cóubome a sorte de formar parte da primeira celebración do evento deste verán. Agardo acudir tamén á segunda, que será os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto en Xunqueira de Ambía (Ourense) porque a experiencia non puido ser máis fermosa e enriquecedora. Chamárona "Camiñartes".

Naquela vila da comarca de Allariz, alí onde a vexetación autóctona non é desterrada polos eucaliptos, cabo da pedra que canta sen voz a súa canción de séculos, na que fora colexiata do Mosteiro de Santa María, Canco López espertou o órgano do XVIII, obra do compostelán Manuel González Maldonado, e fíxoo dialogar co violín de Elsa.

Tamén escoitamos a Quiara López, violinista como a súa nai, con outras seis mociñas alumnas; a Ángel González, pianista madrileño asentado en Porto, quen acompañou a soprano lusa Raquel Mendes, unha moi nova voz madura; a Michel Aranda, virtuoso da guitarra e a tres percusionistas de gran sensibilidade.

As bailarinas e coreógrafas Ángela D. Quintana, sarriá, e a portuguesa Ana Jezabel, ambas residentes no país veciño, completaron, xunto cos poemas de Antom Fortes, Rochi Nóvoa e quen isto asina, as cores do tapiz no tear de Canco.

Todo nun clima de sinxeleza, respecto e intercambio afectuoso, sen que as diferenzas de idade ou ámbitos de ocupación constituísen unha barreira.

Súmese ao anterior a colaboración e asistencia de veciños e veciñas tan amábeis como cultos, e entenderán o entusiasmo que me posúe.

Talvez abonde con dicir que de novo intuín a posibilidade dun mundo sen consumismo nin violencia, no territorio da arte que se ofrece coma un pan quente na tafona da mañá. Nel viviría, aprendiz sempiterna, a escoitar os sons da vida. Galiza ten grandes escenarios para encontralos. Xunqueira de Ambía, por exemplo.

Comentarios