Opinión

Unha bruxa e un traidor

TODOS OS POBOS oprimidos da terra causan dor a quen ama a xustiza. Non é preciso que leven o indicativo da matrícula pintado na amura do barco. Abonda coa palabra "liberdade" escrita pola utopía verdadeira, a que pide un vento igualmente favorábel para cantos e cantas sucamos o mar da existencia.

A vitoria da revolución sandinista nicaraguana de 1979 fora unha auténtica vacina contra o desalento, a fortalecer as defensas da confianza nas revolucións pacíficas. A poesía, a música e unha xenuína lectura do Evanxeo, dotaran aquel movemento de un halo de bondade, no más amplo sentido da palabra. Que os outrora atormentados perdoasen desde postos de poder aos seus torturadores, auguraba os días en que o año pacería cabo do león. Mais todo foi un soño.

Non nos detendo na sempiterna intervención norteamericana, nos sucesivos gobernos democráticos e o posterior triunfo nas urnas en 2007 de Daniel Ortega, o que fora o primeiro presidente tras o triunfo da revolución, chegamos ao día de hoxe e constatamos como o que loitara pola liberdade do seu pobo se rendeu ás súas ambicións persoais e mais ás da súa muller, Rosario Murillo.

Un traidor e unha bruxa. Dous traidores, porque ela é parente de Augusto César Sandino, o heroe nacional (1895-1934) que dirixiu a loita contra o exército de ocupación estadounidense. Outra historia que conviría rememorar. O de bruxa é descritivo porque, a tal señora, vicepresidenta daquel país, vive entre amuletos, espiritismo e a crenza, real ou finxida, de que un seu fillo é a reencarnación do mítico parente.

En 2022 volverán a ter eleccións e, se ninguén ou nada o remedia, seguirán no poder. Non lle chaman ditadura, como ás doutros países da zona, mais éo. Calquera movemento político, anuncio de candidatura ou reclamación de dereitos, dá cos opositores na cadea. Xa nela, tortúranos coa fame, o frío, o illamento total e outros castigos ao arbitrio dos carcereiros.

"Unidad Nacional Azul y Blanco de Nicaragua" é tan plural como os seus líderes, de diferentes opcións, secuestrados: Félix Madariaga, Violeta Granera, Tamara Dávila, Dora María Téllez, Ana Margarita Vijil, Suyen Barahona, Hugo Torres, Víctor Hugo Tinoco, José Antonio Peraza, Roger Reyes, Alex Hernández, Irving Larios e Yader Parajón. Trece persoas furtadas á esperanza do pobo, a mesma que Daniel Ortega e Rosario Murillo teñen proscrita.

Coido que as ditaduras se albergan todas nesa casa que é a indiferenza do mundo chamado libre. Tamén as hai alén dos gobernos. Non podemos calar. Como Gioconda Belli, coñecida escritora daquel país, "eu quero tronos que derruben as paredes destes cárceres, mais só teño palabras".

Comentarios