Opinión

Brincadeiras de outrora e de agora

Hai falsidades que non pretenden descualificar ao inimigo ou rival, senón gastar bromas a alguén por divertimento. Non teñen nada a ver, xa que logo, coas fake news, habituais agora, tanto en medios de comunicación, como en redes sociais. As persoas que se fan eco delas semellan ignorar que moitas entrañan diversos tipos penais, a saber: odio, descubrimento e revelación de segredos, delitos contra a integridade moral, desordes públicas, inxurias e calumnias, delitos contra a saúde pública, estafas e intrusión e tamén delitos contra o mercado e os consumidores.

(A listaxe anterior está tomada dun documento da Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado).

Nas residencias de estudantes tiveron que ser prohibidas as novatadas porque, algunhas, entraban directamente neste tipo de supostos. Porén, isto de se divertir a conta doutros, non é nada novo. Para a sensibilidade actual –onde a haxa, claro– estes xogos non estaban exentos de crueldade e menosprezo cara ás persoas máis vulnerábeis; mais, quen os practicaban, seguramente non eran conscientes diso.  

Juan Ramón Jiménez, por exemplo, foi protagonista dun episodio deste tipo. Seica dous rapaces peruanos, José Gálvez e Carlos Rodríguez Hübner, admiradores do poeta e iniciándose eles mesmos na arte literaria, convenceron á María Isabel Sánchez-Concha para que mantivese co de Palos de Moguer correspondencia, baixo o pseudónimo de Georgina Hübner. A redactora das cartas, sensíbel e culta (foi escritora, actriz, feminista e a primeira directora de cine daquel país), namorou ao que había ser premio Nobel moitos anos máis tarde. Este dedicoulle o poema Bajo el cielo de Lima cando, preocupados porque el ía embarcar para  coñecela en persoa, urdiron os tres a noticia da súa morte servíndose do Cónsul de España no Perú. 

Nos anos 20, estudantes do Val do Mao entre os que se atopaban algúns que foron despois cidadáns exemplares, dedicáronse a enviarlle misivas de amor a un home viúvo, con problemas mentais, asinadas co nome dunha rica solteira entrada en anos. El acudía a visitala facendo alusión ás efusivas cartas da muller. Ela, atemorizada,  coidando que o pobre home estaba aínda máis perturbado do que en realidade estaba, botáballe os cans para que o escorrentasen. Cando lles contaba as súas coitas a aqueles mozos, todos eran a consolalo, entre serios e burleiros.

Cos medios actuais e baixo o anonimato, estas cousas continúan sucedendo. Unhas non pasan de simples chanzas, outras poden chegar a producir efectos irreversíbeis porque inclúen calumnias, imposturas, ou ambas as dúas. Por iso, máis que nunca, cómpre educar para a verdade.

Comentarios