miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

Borrando o camiño

A polémica recente, aínda viva, a causa da retirada da película Foise co vento do catálogo de HBO, puxo de actualidade cuestións que merecen un debate sereno. En medio das protestas pola saña e racismo da policía  norteamericana, a película que foi no seu día merecente de dez Oscar (dous honorarios) fere sensibilidades. 

Xa o fixera na súa estrea (1939), cando o racismo era aínda máis fondo que na actualidade. Como proba, por se ficase algunha dúbida, abonda con lembrar o paradoxo de que Hattie McDaniel, a actriz negra que fixo o papel da servinte Mammy, tivese que sentarse á parte na cerimonia en que recibiu o Oscar á mellor actriz de reparto. 

O certo é que a película presenta unha escravitude edulcorada. Os  que que viven nela semellan felices, mesmo algúns molestos pola Guerra de Secesión que propugnaba a súa liberdade. Aínda así, adóitase dicir que marca o inicio dunha outra consideración dos negros e negras no cine.

Presuponse que quen vexa o tal filme saberá distinguir nel o que ten de histórico, o que segue vixente e o que, cinematograficamente, achega ao desenvolvemento da sétima arte. Ninguén, que non o fose antes, se volverá racista ou entenderá a escravitude como algo desexábel despois de contemplar as peripecias de Escarlata O’Hara e quen a rodean. Por iso semella dirixismo e paternalismo rancio impedir que a vexan as xeracións actuais.

Claro que boa parte da sociedade é botada ao cine sen os coñecementos que lle permitirían ver alén do que ve. Precisan, se cadra, un flotador, como as persoas que non saben nadar e teñen que se botar á auga. Mais, así como quen non consegue aboiar é consciente da súa necesidade, a ignorancia, con frecuencia, descoñécese a si mesma. 

A Literatura tampouco é allea á tiranía do politicamente correcto. Para certa crítica, os personaxes deben comportarse como feministas, pacifistas ou ecoloxistas de libro. Así, móstrase unha realidade irreal, se se me permite o oxímoro, onde non existen as miserias da condición humana nin a falta de civismo. O lector ou lectora non pode xulgar desde os seus presupostos. Persoalmente, teño padecido opinións implacábeis polos meus fillos de papel porque todos os personaxes non eran exemplos de feminismo. 

Isto é máis grave cando se pretende que autores e autoras do pasado emitan consignas como activistas dos valores que agora defendemos. Poucos se salvan. O netamente literario perde peso cando unicamente se procuran arquetipos dunha ideoloxía. Proscríbense textos clásicos por non termos en conta a diacronía, a evolución no tempo, non só da lingua, senón tamén das ideas. Cómpre recordar que a vida e a cultura non naceron hoxe.

Borrando o camiño
Comentarios