domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

Boísmo, malismo e encaixe de Camariñas

SEGURAMENTE debería pór entre aspas boísmo e malismo, porque os dicionarios de galego non reflicten tales vocábulos. Porén, os conceptos existen e coido que a formación destas palabras é correcta para designalos.

A expresión boísmo, buenismo en español, adoita usarse pexorativamente. A RAE recóllea no seu dicionario despois de que medios conservadores, ou máis ben reaccionarios, a empregasen para tacharen de inxenuos aos partidos, ONGs e persoas que defenden o multiculturalismo, as políticas de apoio aos máis desfavorecidos, o diálogo para solucionar os problemas ou a discriminación positiva para sectores historicamente maltratados.

Nas antípodas, o malismo, palabra que non figura nos dicionarios, queda xa definido polas cousas ás que ataca. Aínda así, talvez conveña sinalalas. Propugnan, malia que non a formulen, a lei do máis forte ou, dito doutro xeito, un darwinismo que explicaría a supervivencia e éxito duns e a eliminación doutros, os que para eles son simple refugallo nas gabias do mundo. Non, non o formulan e, se cadra, nin sequera saben que están facendo seu —e interpretándoo mal coma o nazismo— un pensamento de Nietzsche: "Eu ensino o si a todo o que fortifica e o non a todo o que debitita"; dito en linguaxe malista, "ensinamos a ser fortes cos débiles e débiles cos fortes".

Apostar polo boísmo non é cargar ás costas con todos os náufragos da terra, senón defender os seus dereitos, aínda que non teñan petróleo, antes de que estean abocados a confiar as súas vidas á fraxilidade dunha embarcación. Facer que as riquezas que historicamente —e tamén na actualidade— espoliamos, revertan no seu progreso. É pagar salarios xustos, aínda que iso supoña que os ricos non o sexan tanto e traballar sexa garantía de obter o necesario para vivir dignamente.

Boísmo é empatía, compaixón, diálogo, solidariedade, humanismo. Non se mofen, xa que logo, os asisados malistas dos que cultivan estes sentimentos e accións. E si, ben se sabe que os sentimentos están na diana destes personaxes insolidarios, prepotentes, autoritarios e fatos. Esquecen que eles tamén teñen sentimentos, mais sentimentos dos que se deberían avergoñar: homofobia, aporofobia, xenofobia, machismo e, se se me permite, tamén hidrofobia por mor da rabia que os posúe fronte aos boístas.

Encaixe de Camariñas é o que terá que facer o novo goberno español para que non lle imposibiliten a aplicación das medidas que alporizan aos que mesmo pretenden deslexitimalo. Oxalá que non se lles enguedellen os fíos e vexamos medrar o encaixe ao son dos palillos e ignorando os exabruptos dos que queren que todo saia mal.

Boísmo, malismo e encaixe de Camariñas
Comentarios