Opinión

Benquerido 'Smartphone'

LIN A NOTICIA e non me estrañei, simplemente confirmei e asemade cuantifiquei unha sospeita: un terzo amplo da xente nova afirma querer máis ao seu ‘smartphone’ que ás súas amizades. No que me custa acreditar, aínda que resulte da mesma investigación, é que o 29,4 % tamén asegure que é igual ou aínda máis importante que os seus pais. E, por se todo isto fose pouco, un 1,1% considera que é o que ten maior interese na súa vida.

Son datos dun experimento levado a cabo por dúas prestixiosas universidades, a alemá de Würzburg e a británica Nottingham Trent, para Kaspersky Lab, unha empresa especializada en seguridade informática.

Para chorar; mais choraremos outras persoas porque, as que aman o seu ‘smartphone’ sobre todas as cousas, soamente verterán bágoas por el. Supoño que lles cómpre o cualificativo de ‘frikis’ no senso de teren unha afección desmesurada por algo, mais non na acepción orixinal do inglés ‘freaky’ que vén de ‘freak’ (estraño, extravagante, estrafalario), porque, dadas as estatísticas, a cadora é menos estraño, xa que o fenómeno medra.

Algo fixemos mal nós, as persoas que nacemos nun mundo sen telefonía móbil e internet e sabemos que a vida real non habita a pantalla, que só é un medio para axudarnos a acceder a ela. Algo fixeron ben as empresas que a tantos e tantas persuadiron de que, alén do mundo virtual, non hai vida.

Penso con mágoa nesas moitas persoas que, nos malos momentos, petarán na porta do seu benquerido ‘smartphone’ e baterán coa cruel realidade. Estes aparellos non se compadecen de ninguén, non rin nin choran con nós, non nos estreitan a man nin nos dan bicos malia as iconas de corazonciños na boca, labios vermellos ou corazóns grandes e latexantes. Todas esas cousas valen se expresan a verdade do que hai detrás. Porén, cando eles ocupan o primeiro lugar na escala dos afectos, menten cando mandan cariños.

Doutra banda, pregunto como constrúe o pensamento e como se socializa quen non fala máis que con e a través dunha maquiniña que, en todo caso, non replica nin nos confronta cos momentos humanos que nos fan medrar.

Neste momento histórico en que, sobre todas as cousas, prevalecen os estudos directamente ligados á produción, cómpren máis que nunca certas materias aparentemente inútiles, tales como a filosofía, a literatura, ou a educación para a cidadanía, ben encamiñadas á autocomprensión e a comprensión do mundo.

Din que a vida é o que pasa mentres facemos plans para o futuro. Iso non é o desexábel, pero aínda é peor que o noso tempo fuxa dacabalo dun ‘smartphone’ sen deixarnos a nós as rédeas para con el descubrir mellor o mundo.

Comentarios