viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

Bancos, banqueiros e bancarios

UNHA DAS palabras polisémicas máis rendíbeis é "banco". Isto, por dous motivos. Dunha banda, porque ten oito significados para un só significante. Velaí: asento; mesa dotada con diversos mecanismos para realizar os traballos dun oficio; lugar que ocupan os acusados nun xuízo; lugar que ocupan os xogadores suplentes nun partido; entidade financeira; establecemento sanitario onde se recollen e conservan órganos, tecidos ou fluídos para usos sanitarios; acumulación de area ou grava no leito dun río ou do litoral e conxunto de peixes dunha mesma especie que van xuntos en gran número. Doutra, porque unha das súas acepcións traballa xustamente niso, na rendibilidade.

O 19 de decembro do ano pasado, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 4 de decembro como Día Internacional dos Bancos. Na resolución fálase do seu importante contributo ao desenvolvemento sostíbel e tamén da súa importancia na mellora do nivel de vida.

No mundo católico, os empregados de banca ou bancarios e os donos e altos executivos ou banqueiros, celebran o 4 de novembro a festa do seu patrón, San Carlos Borromeo. Este santo, dunha familia inmensamente rica, alcumado o pai dos pobres, renunciou a todo e morreu na indixencia. Sendo así, non semella ser o espello en que se miran a maioría dos donos do capital.

Tamén se lle ten atribuído este patrocinio a San Mateo que, como se sabe, foi recrutado por Cristo para ser un dos seus apóstolos. Viuno mentres estaba no seu posto de recadador de impostos para o Imperio Romano.

Porén, a conmemoración da ONU é laica, como corresponde a unha entidade non confesional.

En 2012, por mor da indignación que producían os desafiuzamentos e a ruína ocasionada pola crise e as cláusulas abusivas da banca, rescatada esta cando o precisou con diñeiro público, fomos convocados vinte escritoras e escritores polo daquela director da editorial Laiovento, Francisco Pillado, para escribirmos unha obra teatral breve sobre o tema. O coordinador do proxecto, o propio Pillado, tiña a certeza de que o dramático era o xénero máis acaído para denunciar e obxectivar a desfeita. O conxunto de pezas titúlase "Banqueiros". Ficara así sentado que, xa que a voracidade era deles, era a eles a quen se tiña que dirixir a crítica, non aos empregados e empregadas.

Cambiaron as cousas. Prohibidos os abusos, os banqueiros queren seguir gañando igual que antes. Solucións? Fusionarse, suprimir sucursais e despedir persoal. A corda, di o refrán, sempre rompe pola parte máis feble.

É a esa parte a quen quero felicitar hoxe. Tamén aos banqueiros solidarios, ou será un oxímoro?

Bancos, banqueiros e bancarios
Comentarios