jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Ao final desta batalla

César Vallejo, o gran autor peruano, datou o poema Masa o 10 de novembro de 1937, fortemente impactado pola Guerra (in)Civil española. Meses despois, concretamente o 15 de abril de 1938, morreu en París aos 46 anos, sendo as súas derradeiras palabras: "Llévenme a España". "Quiero ir a España". Chovía na cidade do Sena, tal como o autor vaticinara nun seu soneto: "Me moriré en París con aguacero,/ un día del cual tengo ya el recuerdo". Se a tristura mata, talvez el teña morto de tristura. Permitinme traducir ao galego o poema arriba citado, pola súa mensaxe, tan acaída aos días que corren. Masa pertence ao poemario España, aparta de mí este cáliz, publicado postumamente (1939). Velaí:

"Ao final da batalla, / e morto o combatente, veu cara a el un home / e díxolle: ‘Non morras, ámote tanto!’ / Mais o cadáver ai! seguiu morrendo. // Achegáronselle dous e repetíronlle: / ‘Non nos deixes! Valor! Regresa á vida!’ / Mais o cadáver ai! seguiu morrendo. // Acudiron a el vinte, cen, mil, quiñentos mil, // clamando: ‘Tanto amor e non poder nada contra a morte!’ / Mais o cadáver ai! seguiu morrendo. // Rodeárono millóns de individuos, / coa pregaria común: ‘Fica, irmán!’ / Mais o cadáver ai! seguiu morrendo. // Daquela todos os homes da terra / o rodearon; viunos o cadáver triste, emocionado; / incorporouse lentamente, / abrazou ao primeiro home; botouse a andar...".

Sobrarían comentarios, mais non os aforro. Estes versos falan de dor e, asemade, de esperanza e de milagre. Esperanza, porque hai nel moito amor; milagre, porque a unión de todos resucita o morto.
Fálase dun morto anónimo, mais non é unha cifra nunha estatística da guerra, é un home que representa a todos os homes. Quen o chama á vida é outro home, tamén anónimo, que vai sumando humanidades e amor até abranguer a Humanidade enteira, a que está, así mesmo, simbolizada no que se bota a andar.

Por sorte, desta volta, as políticas do Goberno do Estado atenden ao máis urxente: vivir

No naufraxio que deveu, no que algúns teñen balsas salvavidas e a outros só lles queda nadar (moitos non o fan porque non o saben facer ou non teñen forzas), nada hai máis cruel que botar da balsa aos débiles para poder cargar nela os lingotes de ouro e salvalos de afundir nas profundidades do océano. Resumindo, trocar economía por persoas. "Repugnante, mesquiño", dixo o primeiro ministro portugués, António Costa, das declaracións, neste senso, do ministro de economía de Holanda. Outros mandatarios non o declaran tan cruamente, mais as súas miras tamén están na economía, custe as vidas que custar. 

Por sorte, desta volta, as políticas do Goberno do Estado atenden ao máis urxente: vivir. En estándomos vivos, camiñaremos coma o home do poema. Cara a onde? Iso depende do amor.

Ao final desta batalla
Comentarios