Opinión

Amor, mortalla e bolboretas

Recordo cando morreu de morte matada (maio de 1961) aquel outro xeneralísimo de alén mar, Rafael Leónidas Trujillo. O de acó pescaría ben máis salmóns e cachalotes antes de finar no leito. Por un destes cetáceos, seica recibiu unha boa labazada un vendedor de prensa e lotaría alcumado Caín, aínda na memoria viva de moitos. Ben se sabe que a censura da época non reparaba en matices. "El Progreso, con el cachalote de Franco", vociferaba o home, e un policía —plaf!— caloulle a boca. 

Mais o peor foi que o cachalote seguiu a asinar sentenzas capitais até poucos días antes do propio pasamento en novembro de 1975. 

España era un bo país para os náufragos das ditaduras de dereitas, así que aquí recalaron, entre outros, Ramfis Trujillo e a súa segunda muller, Lita, en 1962. Ela, a quen o delfín coñecera nun pub de Los Ángeles,  era unha actriz prometedora, sobre todo pola súa beleza. Mesmo traballara con actores da talla de Paul Newman ou Steve McQueen. Tras o que fora fillo predilecto do cruel ditador dominicano, ficaba un rastro de sangue e de enguedellos perversos, dignos do herdeiro de tal pai. 

Náufragos si, mais cun salvavidas de 24 millóns de dólares de hai 60 anos, xaora, ocuparon durante moito tempo o papel ‘couché’ das revistas do corazón nun ‘impaís’ onde predominaba o de ‘estraza’ das mercadorías a granel.

Ningunha publicación da época nos fixo o relato da trama que  Leónidas Trujillo, cos seus secuaces,  urdira para acabar coas vidas das irmás Mirabal, coñecidas como ‘Las Mariposas’. Contóunolo con viveza escalofriante  Mario Vargas Llosa na novela ‘La fiesta del chivo’ (2000) e non o puideron desmentir os intentos da filla do ditador, Angelita, en ‘Trujillo, mi padre’ (2009). O que non escusaron as crónicas do momento foi o pranto polo accidente mortal de Ramfis, quen nun día de néboa mesta estrelouse nas proximidades de Alcobendas no seu Ferrari contra o  Jaguar da duquesa de Alburquerque. Ela morreu no acto; el, once días despois. 

Descoñezo de quen foi a culpa se é que, alén da néboa, houbo outra. De acreditar no ‘karma’, lembraría o accidente de automóbil simulado do que Trujillo quixo revestir o asasinato, ordenado por el, das disidentes  Minerva, Patria e María Teresa,  o 25 de novembro de 1960. Esfragaron un Jeep cos seus cadáveres e mais o do chofer. Porén, a mentira non trunfou. 

Universitarias, de familia acomodada,  casadas e nais, sufriron na propia carne o odio dun réxime tan brutal como machista. Como saben, esa é a razón polo que se conmemora hoxe o día contra a violencia. 

Por certo, u-la obra ‘O voo das Bolboretas’ que deseñou Luz Darriba e tallou Quijada.

Comentarios