Opinión

Aire, que o aire me falta!

Laméntase o crego trobador Airas Nunes (1230-1289) da mingua da verdade no sirventés moral que comeza: "Porque no mundo mengou a verdade / punhei un día de a ir buscar(...)". Na ficción da cantiga, o poeta pregunta por ela a todo o mundo, incluídos os frades dos mosteiros e os peregrinos que chegan a Santiago. A resposta é unánime: non se atopa entre eles, ten que buscala noutra parte. 

Que diría hoxe, oito séculos máis tarde? Coa inestimábel axuda das redes sociais, onde atopan acubillo toda caste de calumnias e infundios, perdémola na néboa das incertezas, as verdades a medias e as mentiras enteiras, coas que unha boa parte dos supostos servidores públicos e as súas devotas cohortes practican a máis nefasta das políticas. Porén, non me refiro a estes grupos en exclusiva. 

Sempre se dixo que as mentiras moi grandes son menos mentiras, porque ninguén acredita nelas, mais iso xa non serve para estes tempos en que todo semella posíbel. Como, doutro xeito, se podería entender que haxa quen teña por certo, xunto con outras teorías disparatadas, que coas vacinas nos inoculan un microchip? 

A verdade, malia ser un ente abstracto, pide a gritos aire, como Rosalía de Castro no poema XIII de Vaguedás, o primeiro libro dos cinco que integran Follas Novas: ¡Aire, que o aire me falta!. A verdade afoga e nós con ela. E non entro en análises do concepto, tales como verdade ontolóxica, a do ser das cousas, nin epistemolóxica, a relativa ao noso coñecemento dese ser das cousas. Falo da veracidade, un valor ético propio das persoas honestas, as que non enganan aínda podendo facelo. Talvez a que responde á afirmación de John Keats na súa Oda a unha urna grega: "A beleza é a verdade e a verdade, beleza".

A miúdo o engano camiña da man da perversión do significado das palabras. Abonda con ler certos titulares que nos deixarán a dúbida de se algúns descoñecen os vocábulos que empregan ou se os usan como carnaza. Con frecuencia acontece isto con adxectivos como aterrador ou brutal a cualificar cousas positivas.

No mundo da publicidade, onde está prohibida a que é enganosa, moitos promotores fan un sutil uso dela. Así se anunciaron pisos dunha coñecida construtora: "Calefacción en todas las habitaciones". Non mentían na forma, os baños –precisamente os baños!– carecían de radiadores.
Poderiamos seguir coas telefónicas, os bancos e as palabras manipuladas ou manipuladoras de gobernantes e doutras persoas que ostentan algún tipo de poder; mais, que lles podo contar que non saiban? 

Acaso recordar aquelas palabras de Orwell: "En tempos de engano, dicir a verdade é un acto revolucionario".

Comentarios