Opinión

Agustín queda co amor

C on palabras de Orhan Pamuk, titulou Agustín Fernández Paz un dos seus libros máis emblemáticos, ‘O único que queda é o amor’. Citar todos os premios que recibiu por esta publicación, xunto cos obtidos por moitos dos seus máis de cincuenta títulos, ocuparía o espazo do que dispoño e impediría outras palabras para a lembranza do admirado e benquerido amigo que se foi.

Porén, non nos deixou. Queda na súa obra que é amor e compromiso coa lingua que nos fai existir. Queda na ética insubornábel que practicou. Queda nas conversas que sostivemos, porque era tamén un excelente narrador oral e un home ávido de escoitar as cousas que lle contabamos. Queda na exemplaridade con que enfrontou e encheu de vida a súa doenza irreversíbel, apurando o tempo para seguir escribindo as historias que lle bulían no maxín, furtándolle sete anos á morte anunciada para un prazo de poucos meses.

Alén da comunicación por internet, interrompida a causa do empeoramento da súa doenza, lembro especialmente un congreso de escritores galegos, vascos e cataláns celebrado o 2007 en Valencia e Sueca. Nesta última cidade, tras visitar a casa-museo do escritor Joan Fuster, sentamos nun banco de pedra e pediume que lle contase os meus recordos de infancia e foinos contrastando cos propios. Aquela vez, como noutras moitas ocasións despois, preguntoume se non pasara moito frío de pequena xa que el lembraba a nenez como unha época de pés e mans conxelados.

E recordo tamén que me falou da colcha do seu leito infantil, feita con retallos de diversos tecidos, que lle suxería un inmenso territorio, un gran continente con múltiples países. Nalgures deixou escrito: «E por eses países soñados, polas súas selvas e cidades, polos seus montes, ríos ou desertos, facía eu vivir as personaxes que nacían na miña imaxinación». Unha imaxinación alimentada por moitas lecturas e películas nos tempos en que as palabras non foran relegadas.

Recordei o da colcha na ‘laudatio’ que me coubo a honra de pronunciar cando recibiu o premio ‘Facer País’ en Láncara e compareina con ‘Rosebud’, a marca do patinete a partir da cal e en continuos ‘flashbacks’ imos coñecendo a historia do cidadán Kane no filme de Orson Welles. A historia do patinete marca a vida do millonario que, no leito de morte, resume nesa palabra a propia historia. Talvez, do mesmo xeito, as creacións de Agustín teñan as súas raíces no ‘patchwork’ que o acubillaba.

Escribindo, foi muller, inmigrante, terror, misterio e mil cousas máis.Nelas fica, ateigado de humanidade, para crear esperanza e futuro, alén de didactismos e ‘moralinas’.

Agustín, «a boca doce coma o sal». Segundo Amadigné o mellor eloxio para os bos contadores de historias. Grazas.

Comentarios