Opinión

Adoptando palabras

ALGUÉN, AGORA NON recordo onde, mais é cousa recente e referida á lingua castelá, propuxo que a xente adoptase, para rehabilitalas, palabras que están a desaparecer por falta de uso. Sei que unha delas é ‘entelequia’ e non deixou de chamarme a atención. Non ignoro que ‘en román paladino en el cual suele el pueblo fablar a su vecino’, que escribiu Gonzalo de Berceo, esta palabra non é habitual, mais a partir de certo nivel está viva.

Lembro que Manuel María reivindicaba ‘sicalíptico’ e dicía que xa ninguén usaba tal palabra. Eu coñecíaa ben porque a miña nai, que tiña un bo léxico, a empregaba para nos chamar a atención cando un vestido lle parecía pouco recatado (non hai que esquecer en que tempo nos tocou a primeira xuventude ás mulleres da miña idade). Seguramente foi a liberdade no xeito de vestir a que fixo o termo innecesario. Ou tal vez xa nunca se usou máis que entre as persoas medianamente ilustradas.

A proposta non me parece nada mal porque o innegábel é o progresivo achatamento dos idiomas. Falo do castelán e falo do galego. Pasma ver como xente que non vai alén de ‘casa’, ‘mesa’ e cousas polo estilo, emprega anglicismos coa maior das naturalidades.

Falo do castelán e falo do galego; porén, é a lingua propia de Galiza a que vai deixando, coma farrapos vellos enredados nas silveiras, as palabras que este pobo teceu con fíos de vida, é dicir, ledicias, dores e traballos, ao longo de moitos séculos.

Anda Isidro Novo, nunha sección auspiciada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a recoller esas perlas do noso patrimonio inmaterial que lle van chegando, coma pingas, desde os catro puntos cardinais do país. Recóllense, mais serán como bolboretas inmobilizadas cun alfinete se non as empregamos.

Hai anos que escribín, non lembro se neste mesmo medio ou noutro lugar, un artigo baixo a epígrafe de ‘Palabras no faiado’. Ao faiado nas casas en que o hai, e se non o hai ao rocho, van as cousas que xa non serven e, daquela, non se lles dá uso. Soamente o po as cobre, como unha pátina piadosa, a doerse do esquecemento en que están. Entendo que desaparezan, que se arromben termos que nomean realidades que xa non existen, aínda que, como aconteceu con moitos vocábulos, poden adquirir novos usos; tal foi o caso, por exemplo, de ‘neveira’ (pozo fondo en que se gardaba neve) e o electrodoméstico actual.

Moitas persoas galegofalantes, nomeadamente as que un día decidimos mudarnos á lingua de noso, levamos anos adoptando palabras. O que cómpre é que faga o propio a xente nova porque só ela pode garantir o futuro da nosa lingua. A nós tócanos pasárllela como unha rica herdanza.

Comentarios