Opinión

Acaso o nirvana

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, o nirvana é o estado de felicidade suprema que, conforme a crenza budista, experimenta quen se libera de todo tipo de ataduras corporais e se conduce de xeito virtuoso. Non é preciso ser budista para entender que, como formulou Rosalía de Castro e cito con frecuencia, causa inquietude o moito desexar. Faino no poema de poemas ¿Quen non xime? e, polo que parece, nun contexto de peste, en parte semellante ao que estamos a vivir.

Pode soar superficial que, en medio da incerteza e a dor que nos rodean, afirme que estou a vivir case nun nirvana. Colleunos -ou procuramos que nos collese-, neste paraíso que é a Terra Brava o cerre perimetral das cidades en que pasamos o inverno. Somos catro, familia, e estamos na situación afortunada de non termos que ir traballar cumprindo un horario.

Había moitos, moitísimos anos, que non botaba no campo máis dun mes ou dous polo verán. Neste infortunado 2020, estou a lle seguir de cerca os latexos á terra. Abofé que é un antídoto contra o desazo e un regreso ás cousas primixenias: lume, auga, devalo da luz, melancolía das árbores a se espir de follas e paxaros, paseos por camiños que os nosos pasos non deixarán cegar, hedras e visgo, ese verde persistente nas carballeiras centenarias... Como non se volver contemplativa e fundirse coa natureza até desaparecer? Ensumirse e chegar a non ser ninguén ou nada. Algo así escribiu Novoneyra.

É imposíbel non recordar o poeta desde esta antesala do Courel. É máxico facelo e lelo no dobre libro dos Eidos, o da letra impresa e o da terra que o inspirou.

Hai uns días, desde a magnífica atalaia que é Airapadrón -apenas a catro kms. desde Samos-, nunha terraza circular moi xeitosa, tomamos un aperitivo antes de xantar na propia Casa Rural do mesmo nome. Foi máxico perder a ollada na distancia até pasmar vendo os distintos planos de montañas e vales: Lago, Devesa de Pradocelo, Bustofrío, Monte de Portela, Devesa da Rogueira, Louzarela, Poio...: o horizonte a se expandir no pozo da retina.

Diante desta única casa, hai unha gran rotonda a repartir as estradas que levan a Lóuzara, Courel ou Pedrafita, festonadas de pequenas aldeas, detidas algunhas en reloxos paralíticos, como outrora o tempo do poeta louzariño Fiz Vergara.

Aquí, os alimentos terreais que nos propuxera o Nobel André Gide, sono ao pé da letra: alimentos e terreais. As leis e as condutas emanan do carácter sagrado da vida mesma que nos nutre asemade corpo e espírito. Así foi, así ten que volver a ser, lonxe do canibalismo con que engulimos o futuro da terra.

No que poidan, veñan e vexan, veñan e vivan. Daquela, entenderán do que lles falo.

Comentarios