Opinión

Abrámoslles a gaiola

HAI ANOS, neste mesmo lugar, falaba do déficit de natureza que sofren boa parte dos nenos e nenas de agora. Veume á memoria ao recibír Gaiola aberta do lugués residente en Viveiro, Xoán Neira, autor de seis libros de poesía para a xente miúda, ademais doutros para adultos. Co de xente miúda referíanse Anisia Miranda e Neira Vilas aos destinatarios dun seu libro. 

A de Xoán é unha escolma feita e prologada por Armando Requeixo para conmemorar os cincuenta anos de Os soños na gaiola, de Manuel María. 

É, xa desde o título, unha homenaxe de recoñecemento ao autor que primeiro acudiu á necesidade de escribir poesía na nosa lingua para a infancia. Dunha ou doutra maneira, as persoas que nalgún momento poetizamos  para esta etapa da vida, somos debedores da súa obra. 

Non hai nada de contraditorio en ambos os dous títulos. Manuel María non encerrou os soños, atrapounos para ofrecérnolos, abriu a porta da gaiola para que entrasen nela e vísemos a beleza das cousas, as súas peripecias. No momento da edición daquel libro, a xente nova coñecía os seres polo seu nome, non falaba con xenéricos como agora. Xoán Neira escribe cando a rapazada sabe máis de aparellos e xogos informáticos que da vida que nos rodea. Con todo, a súa ollada tamén se dirixe ao mundo natural e ás experiencias da infancia (colexio, relacións familiares, xogos, etc.).

O tempo de verán é unha boa oportunidade para ler nun e noutros libros: o escrito no universo con letras de vexetais,  astros, especies animais ou auga, dunha banda. Doutra, os que nos ensinan a expresar os sentimentos e reflexións que o primeiro nos provoca, escritos estes coas letras do alfabeto.

De calquera maneira, tampouco se trata de desterrar as ferramentas do presente e, sen dúbida, do futuro. Abonda con poñelas ao servizo do coñecemento da realidade real, se se me permite o pleonasmo. 

Imaxinen, por exemplo, buscar cantos de paxaros en Google e saír ao campo coa pretensión de recoñecelos. Fotografar plantas co móbil e aprender o seu nome con algún programa que se pode baixar da rede. Procurar as imaxes que máis se axeiten para os poemas ou historias que están a ler.

Cómpre establecer distancias entre o virtual e o que existe fóra das pantallas. O primeiro traballa na dirección do individualismo. O contacto coa natureza socializa e xera respecto á vida. A lectura ensina a conversar coas persoas e coas cousas que, se as escoitamos, tamén nos falan.

As tabletas e demais trebellos polo estilo son auténticas amas de cría, mais a crianza debe ir máis aló de ter aos cativos tranquilos e contentos. Educar non é doado,  mais é preciso navegar co vento en proa. Abran a gaiola.
 

Comentarios