viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

A fera somos nós

SE NON ando errada, hai corenta e dous anos que o cantante brasileiro Roberto Carlos deu a coñecer a canción titulada O Progresso, unha chamada de atención fronte á desfeita da natureza que xa se deixaba ver. "Eu queria ser civilizado como os animais", os animais que cando destrúen e vulneran a vida se chaman feras: "Eu quería poder afagar uma fera terrível". Porén, pasou o tempo, e a fera, a cadora máis ameazante, non foi aplacada.

Hai algúns días apareceu na prensa a nova de que un rapaz guindara por un cavorco unha neveira vella, no canto de a levar ao lugar pertinente. Sóubose porque, por riba do atentado contra a natureza, debeuse sentir un heroe ao perpetralo e gravouno para difundilo despois polas redes. Un xenio, sen dúbida, cuxas neuronas non deron outros sinais de existiren que a risa con que acompañou a fazaña.

Secasí, todos os días, a todas as horas, se están a producir feitos semellantes. Sábese que o mar é un almacén de electrodomésticos e outros ferragachos impunemente desbotados nas súas augas. Sábese tamén que en calquera paisaxe nos poden sorprender os refugallos máis diversos. Nos cubos do lixo van en letal amálgama pilas varias, medicamentos caducados ou os envoltorios dos mesmos, malia existiren puntos de recollida para as unhas e os outros.

Á xente non lle cae a cara de vergoña cando tira as cabichas dos cigarros ou mesmo as caixas. Non hai moito, á saída dun bar, estaba un grupo de homes que, cando menos, superaban os corenta, fumando e bebendo nunha barrica que lles servía de mesa. Un deles estrullou o paquete do que acababa de sacar o último pito e botouno ao chan. Eu, con ironía, aviseino de que lle caera o envase. El miroume de arriba a abaixo, como medindo a miña ousadía, e foi un dos compañeiros o que respondeu risoño: "Non lle caeu, tirouno".

Os paseos marítimos (e as praias) tampouco non se libran desta maldición. Virá o vento e levará ao mar unha carga de filtros que, a pesar do seu pequeno tamaño, resultarán mortíferos ao se incorporaren á cadea trófica do mar e romperen o seu delicado equilibrio.

A fera somos nós, a morte somos nós, mais tamén a vítima somos nós, a especie humana, coa nosa inconsciencia e/ou o noso instinto suicida.

Amo a liberdade e a independencia como a que máis. Aínda así, pediría medidas coercitivas para quen non quere entender que está a xogar co futuro da terra e, por ende, da humanidade. Cámaras omnipresentes, tolerancia cero a estes xestos que son moito máis que xestos e, por suposto, educación medioambiental de cero a cen anos.

Diante disto, case todo o demais son parvadas porque... haberá algo máis perigoso que abalar os piares da vida?

A fera somos nós
Comentarios