Opinión

A avoa e a lotaría

Non confío en que me toque a lotaría e tampouco  me preocupa demasiado. Porén, sempre xogo algún número, máis que nada para compartir e probar iso que chaman  sorte. Por moi esquiva que sexa,  ben merece unha oportunidade. A miña avoa, pola contra, tiña grande interese no asunto e non perdía a esperanza de que lle tocase algunha vez, mais nunca mercaba unha papeleta. 

Coido que non faría como aquel home que lle rezaba un día si e outro tamén á imaxe dun santo, seica  moi milagreiro neste negociado: «Por favor, por favor, que me toque a lotaría». O santo, cuxo nome descoñezo, farto de tanta insistencia, respondeu: «Por favor, por favor, merca un número». Se a avoa o fixese, abofé que a resposta tería que ser a mesma.

É preciso que xoguemos moitas persoas para que lles toque a unhas poucas;  así que, en todo caso, cumprimos un certo  labor social, por máis que a alguén lle poida  resultar chusca esta afirmación. 

Seica nos tempos do ditador, a sorte recaeu por dúas veces nuns números previstos de antemán. Disque foi o xeito de lle agradecer e compensar a un millonario ben coñecido por estes lares a axuda prestada á causa franquista. 

Alén diso, algo inimaxinábel hoxe, hai unha práctica delituosa que segue vixente a traveso dos anos: a compra de décimos premiados para branquear diñeiro. Algúns dos que optan a eles aclararan que son cartos de procedencia lícita. 
Expresan así que non proceden da droga nin do roubo, mais semellan descoñecer que a evasión de impostos tamén é unha actividade criminal. As persoas que se deixan levar pola ambición e entran ao trato, canto maior sexa a cantidade, maior problema terán para lle dar circulación legal ao diñeiro. Aínda así, a algúns ricos adoita tocarlles con frecuencia e non por azar.

Sempre é motivo de ledicia que o chamado Gordo saia repartido en fraccións do décimo e chegue a moita xente que o recibe como chuvia de maio. Ten máis a ver coa xustiza poética formulada en positivo.
De calquera maneira, antes e despois do sorteo, convén meditar aquela canción dos Cármina Burana, ‘Fortuna, emperatriz do mundo’, que nos recorda que esta, a fortuna, e caprichosa e empéñase en rexer o noso destino. ‘Oh, Fortuna, / variábel como a Lúa. / Coma ela medras sen cesar / ou desapareces’. 

En todo caso, cando non toca, adóitase reflexionar sobre todo o positivo que nos tocou na vida, o que é un exercicio que deberíamos facer sempre, á marxe de sorteos e premios. Persoalmente, gosto moito duns versos de Gloria Fuertes que cito de memoria e, se cadra, non son exactamente así: ‘En la feria de la vida, no he tenido mucha suerte; pero me tocó un cueceleches’. 

Pois iso: paciencia.

Comentarios