Opinión

72 aniversario da flor que non murcha

Non falo da sempreviva, senón da que anda ceibe no eco desde que, o 7 de xaneiro de 1950, María Isabel Granda Larco (1920-1983), coñecida como Chabuca Granda, rematou a letra e a música de La flor de la canela, un valse crioulo que aquí popularizou, máis que ninguén, María Dolores Pradera. 

Como ven, o tema de hoxe non é un asunto maior; mais os asuntos maiores son ultimamente repulsivos, tales como as impúdicas declaracións dos que converten en moeda de cambio a memoria dos mortos, ou outros alarmantes e deprimentes, como as noticias relativas á Covid.

Cómpren, xa que logo, recordos positivos e amábeis como os agasallos de beleza e humanidade que deixou en herdo esta muller xenial. 

Filla dun enxeñeiro e dunha dama de ilustre prosapia, naceu no asentamento das minas que administraba seu pai. Alí aprendeu a falar quechua, a lingua da xente humilde que a rodeaba; mais, como lamentou sendo adulta, perdeuna ao se trasladar a familia, cando ela tiña tres anos, a Lima. Talvez este temperán contacto co pobo teña a ver co seu propósito de ser parte del.

Obviando datos biográficos tales como o casamento e separación, dez anos despois, do home que pretendía afastala da música, oficio impropio dunha muller con fillos, é cousa de volver á historia desta canción que está de aniversario. Antes de coñecela, resultábame enigmática e difícil de comprender. Malia todo, desvelar as orixes da letra non lle restou misterio e poesía a unha composición que, aínda que non o pareza, ten moito de social.

Foi en casa da escritora, feminista e primeira cineasta peruana, María Isabel Sánchez-Concha, onde Chabuca coñeceu en 1948 unha señora negra, humilde, chamada Victoria Angulo Castillo de Loyola, posuidora dunha grande elegancia natural. Fixéronse boas amigas, lonxe de prexuízos racistas. No seu paso diario pola ponte de madeira que daquela cruzaba o río Rímac pousou a inspiración da compositora.

E é que todos os seus temas teñen un referente humano e/ou paisaxístico, como acontece, por exemplo, con Cardo o ceniza dedicado a Violeta Parra cando esta soubo do casamento do home -moito más novo ca ela- do que estaba namorada, quizais a principal causa do suicidio da chilena.

Nestes tempos de mestizaxe, non sería xusto esquecer a quen, desde unha grande liberdade creativa,  mesturou rimos crioulos con rimos de raíz africana, elevándoos a unha certa categoría universal, se non lles parece esaxerada esta afirmación. 

En canto ás letras, desmenten o que pensaba de si mesma, a se considerar simple letrista. Verdadeiramente, era poeta. Abonda con preguntárllelo ás súas metáforas. 
 

Comentarios