Opinión

Unha felicitación de Nadal

O OUTRO DÍA recibín por correo postal unha felicitación. Non me refiro a unha felicitación comercial nin institucional, que imaxino que algunhas aínda seguirán a circular por esa canle, senón a unha tarxeta de Nadal das de toda a vida, escrita á man, con motivos relixiosos no seu deseño e cun compendio dos mellores desexos para as festas e o aninovo. O envío chamaba a atención entre o feixe, cada vez máis pequeno e inútil, de correspondencia. Non lembraba que todos os anos chega por estas datas á miña caixa de correo un anaco de pasado así. As rutinas do Nadal e esquécense en xaneiro e non se volven recordar até dentro dun ano. Igual ocorre cunha boa parte das mensaxes impostadas e desexos de paz, amor e felicidade. Pasou o día, pasou a romaría e ao final, xa se sabe, o que queda é o que tiñamos. Para ben e para mal, o auténtico.

O caso é que me chegou unha felicitación de Nadal que me trouxo á memoria vellas prácticas abandonadas hai non aínda tanto. Fun quen de verme, non sen algunha nostalxia, buscando entre a avultada correspondencia daquelas datas a caligrafía de persoas queridas. Tamén de verme a min escribíndoas, seleccionándoas coidadosamente, procurando unha mensaxe orixinal e cálida para as -no meu caso non demasiado numerosas- destinatarias. Lembro escribir postais como un rito que convocaba, unha a unha, as persoas queridas e arroupaba da soidade que, xa fose polo cambio de rutinas, xa polo ambiente propiciado, ameazaba con me invadir neses días. De seguro que o tempo idealizou a imaxe pero ese é o recordo que teño. O que perviviu uns instantes ao ver un sobre escrito á man cunha cartolina no seu interior.

A maxia adminístrase por veces en doses pequenas de máis e a ilusión tardou ben pouco en esvaecerse. O que a tarxeta contiña era unha mensaxe escrita. como era de agardar, coa retórica de noutrora e nela ensartábanse, como doas, desexos de saúde, amor, felicidade e paz no mundo. Os mesmos que figuran nas felicitacións que intercambiamos hoxe en día a través dos servizos de mensaxería móbil e das redes sociais, os mesmos que escoitamos nos medios de comunicación e na publicidade e os mesmos que figuran na entrada dos centros comerciais. Non obstante, o regusto dunha redacción interiorizada canda o silabario e, sobre todo, o feito de apareceren escritos, de puño e letra, nunha tarxeta de Nadal volvían estes desexos máis obsoletos, máis tópicos e máis baleiros. Nos tempos nos que nos hiperfelicitamos a través de canles tan diversas como inmediatas, a lectura dunha postal das escrita ao xeito de antes provoca un efecto estraño. Igual é que algunhas mensaxes resisten mal o cambio de soporte e deixan ao descuberto, máis ca outras, a súa inconsistencia e o seu baleiro. Sexa como for, bo Nadal a quen me lea tamén a través desta canle.

Comentarios