Opinión

Unha cuestión de tamaño

FALEI ALGUNHA vez aquí da cuestión do tamaño. Nesas liñas non me refería tanto a como as cousas acaban ocupando espazo -mental, afectivo ou anímico- dentro de nós, senón sobre todo de como as percibimos e como distorsionamos as súas verdadeiras dimensións. Volver visitar un lugar que na infancia nos pareceu grandioso e experimentar unha decepción é neste sentido un exercicio de libro. Outro tanto ocorre coas vivencias, coas propias, pero tamén con aquelas que coñecemos a través dos informativos e que o paso do tempo, por unha banda, e o camiño cara á vida adulta, por outra, foron volvendo ao seu. Nese apartado podería dar conta de ducias de novas que perturbaron a miña nenez e que hoxe en día habería que buscar no fondo dos arquivos.

Tan coñecido como a subxectividade das valoracións persoais é o interesado papel dos medios de comunicación na súa redimensión, máis aínda nun momento no que a nosa visión do mundo depende en tan grande medida dos seus criterios. Penso agora nisto ao ler o rebumbio xurdido nos propios medios, nas redes e nos cafés a raíz da vitoria electoral de Donald Trump. O debate das horas posteriores ben se podería resumir en dúas ideas fundamentais: sorpresa e apocalipse. A primeira non debera ser tanto de termos en conta os datos que a campaña ía revelando e que non eran de todo favorábeis á candidata Hillary Cinton, así como certa sabedoría adquirida sobre a xestión electoralista do descontento. A segunda insírese nun discurso sobre a deriva do mundo que ninguén semella quen de prever, e que igual, se a miramos cunha certa distancia, non sexa máis que unha mostra do cansazo de vellas formas de goberno que axiña é atallado aquí e acolá. Desde hai algún tempo, todos os resultados -Grecia, o Brexit, as eleccións en España e a súa inconmensurábel sombra- parecen coller por sorpresa a unha poboación varada na perplexidade e incapaz de facer análise duns tempos que claramente son outros.

Alén diso, os valores que representa e pregoa o gañador das eleccións á presidencia dos Estados Unidos, que fan tremer e levar as mans á cabeza a milleiros de persoas do planeta, son un compendio de idearios misóxinos, homófobos e racistas que, por desgraza, non son nin moito menos exclusivos do seu programa nin o serán das súas prácticas políticas. Non hai máis que mirar arredor de nós, a vella Europa que planta cara a inmigrantes e refuxiados, ou as pílulas de (micro)machismos que acotío vivimos entre nós. Non hai máis que revisar a historia recente. Tamén a dos Estados Unidos de América. A conmoción que causou a elección de Donald Trump, alén das implicacións que poida ter na política mundial, é tamén, vista desde as nosas coordenadas, unha cuestión de tamaño, de proporción, de medida.

Comentarios